Panorama, París de Noia e Kubo actuarán na Semana Grande de Soutomaior

Soutomaior
18 de xullo 2026

Haberá autobuses lanzadeira para asistir ás verbenas que darán estas orquestras. O percorrido será continuo de 21.30 a 23.30 e de 00.00 a 03.00 horas

Presentación da III Semana Grande de Soutomaior Concello de Soutomaior

Soutomaior celebrará do 1 ao 7 de agosto a terceira edición da súa Semana Grande cunha programación pensada para todos os públicos.

As orquestras Bravú Xangai, Panorama, Kubo e París de Noia serán os principais reclamos dun cartel que se desenvolverá no Torreiro da Feira do Dez, en Candán, xunto ao campo municipal de fútbol Graciano Padín.

O programa foi presentado este venres polo alcalde, Manu Lourenzo, acompañado polos concelleiros Pablo Garrido e Gonzalo Outeiro, por membros da Asociación de Empresarios de Arcade e Soutomaior, representantes de asociacións de veciños e varios cociñeiros que participarán nesta semana Grande.

Durante o acto, o rexedor destacou que se trata dunha programación "feita para que toda a veciñanza poida vivir e compartir as festas do noso concello, combinando música de primeiro nivel, tradición, gastronomía e actividades pensadas para todas as idades".

O pistoletazo de saída ás festas será o sábado 1 de agosto co chupinazo desde a casa consistorial, ás 21:00 horas, seguido duns pasacalles da Mekanika Rolling Band e o concerto de Bravú Xangai a partir das 23.00 horas.

Entre os pratos fortes figuran as actuacións das orquestas Panorama (luns 3 de agosto), Kubo (mércores 5) e París de Noia (venres 7), que estarán acompañadas polas sesións da Mega CD, Dolce Vita e EME Music, respectivamente.

O domingo 2 de agosto terá protagonismo a gastronomía coa celebración do Día da Cociña de Soutomaior, que incluirá sesión vermú amenizada por Biversión, un showcooking, degustacións e unha comida popular para a que hai que inscribirse previamente. Pola tarde actuará o Dúo A Visión.

O programa complétase coa celebración do Día de San Salvador, o xoves 6 de agosto, con procesión e música, e a romaría de San Caetano, o venres 7, na contorna do castelo de Soutomaior.

Ademais, o Concello habilitará un servizo de autobús lanzadeira os días 3, 5 e 7 de agosto que irá desde o pavillón da Montesiña até o Torreiro da Feira do Dez. O percorrido será continuo de 21:30 a 23:30 horas e de 00:00 a 03:00 horas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora