Para as autocaravanas mellor Valdecorvos que os terreos de Tafisa, segundo o PSdeG-PSOE

Pontevedra
01 de maio 2016

Os antigos terreos de Tafisa non son un lugar axeitado, segundo o PSdeG-PSOE, para habilitar neles un estacionamento para autocaravanas na cidade. Ese é o proxecto do goberno municipal, pero os socialistas nunha moción que presentarán no próximo pleno propoñen outra opción, a zona de Valdecorvos, na que existen varias parcelas de titularidade municipal ás que non se lles está dando un uso especifico

Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos Cristina Saiz

Os antigos terreos de Tafisa non son un lugar axeitado, segundo o PSdeG-PSOE, para habilitar neles un estacionamento para autocaravanas na cidade. Ese é o proxecto do goberno municipal, pero os socialistas nunha moción que presentarán no próximo pleno propoñen outra opción, a zona de Valdecorvos, na que existen varias parcelas de titularidade municipal ás que non se lles está dando un uso especifico.

Unha delas, de 9.500 metros cadrados e destinada a equipamento publico, ofertouse no seu momento á Xunta para a construción dun novo colexio publico, recordan na moción. Esta opción foi desbotada pola Xunta e dende entón a parcela atópase baleira e carente de uso. 

Sitúase na zona norte do polígono, dispoñendo de acceso directo dende a rúa central da urbanización. A distancia ata o centro de Pontevedra é de menos de 15 minutos, polo que entenden que sería unha boa alternativa para este uso turístico.

Os socialistas, segundo o seu voceiro Agustín Fernández, "compartimos a necesidade de dignificar o espazo para o estacionamento de autocaravanas", xa que entenden que se trata dun modelo de turismo aínda sen explotar na nosa cidade e que presenta un perfil "moi interesante".

Pero a parcela proposta polo equipo de goberno para esta mesma fin está destinada a uso hoteleiro, polo que para o PSdeG-PSOE a súa utilización aínda que sexa temporal "é unha declaración de fracaso asumida polo alcalde que os socialistas non podemos avalar".

"É certo que non é doado atopar investimento para a construción dun hotel, pero tamén é certo que o alcalde da cidade non pode renunciar a loitar por dotar a Pontevedra dun espazo hoteleiro do que non dispón e do que se necesita se realmente queremos consolidar á nosa cidade como referente turístico de futuro", sinala o concelleiro socialista.

Aínda que sinala a "bondade" da idea do Concello, Agustín Fernández ve "certa precipitación" do goberno municipal neste proxecto, ao entender que a falta de planificación "impediu estudar outras posibilidades máis axeitadas e que permitirían cubrir os dous obxectivos".

Porén, propoñen que se acondicione esta parcela de Valdecorvos en tanto non se logre a construción do novo colexio por parte da Xunta de Galicia; e instan ao alcalde a impulsar e intensificar as xestións necesarias para favorecer a construción dun hotel na parcela que está destinada para ese uso nos terreos que no seu día ocupou a empresa Tafisa.