Parada técnica anual desde o luns na fábrica de Ence en Lourizán

Pontevedra
10 de marzo 2018

A empresa pasteira revela que investirá 8 millóns de euros durante esta parada técnica, que se prolongará durante 10 días e que necesitará do traballo de preto de 1.200 operarios

Fábrica de Ence na ría de Pontevedra Mónica Patxot

O vindeiro luns 12 de marzo a fábrica de Ence no complexo industrial de Lourizán iniciará a súa parada técnica anual, polo que deixará de producir durante un período de 10 días.

Segundo comunicou a empresa pasteira, destinará a esta parada 8 millóns de euros, dos cales 4,3 millóns serán para realizar melloras ambientais e os 3,7 millóns de euros restantes para o mantemento do complexo.

Ence destaca entre esas melloras a eficiencia da caldeira de recuperación e a mellora das torres de refrixeración, o que na práctica supoñerá diminución da temperatura do efluente e influirá na diminución de emisións olorosas. O resto do investimento irá destinado a melloras en eficiencia que permitirán á planta reforzar a competitividade da celulosa galega nos mercados internacionais.

Segundo asegura a empresa nun comunicado, as emisións olorosas rebaixáronse en 2017 un 25% con respecto ao ano anterior "logrando que o impacto  oloroso reducísese a menos dun minuto diario de media".

Na parada técnica anual de Ence participarán preto de 1.200 operarios pertencentes a 100 empresas, das que a compañía mantén que a maior parte son galegas, aínda que tamén estarán presentes empresas especializadas de España, Finlandia ou Suecia.