Pasado pola auga nalgúns momentos pero sen restar nin un ápice as ganas de troula. Así se desenvolveu o desfile de Entroido de Vilagarcía de Arousa.
Milleiros de persoas chegadas desde toda a comarca participaron nunha comitiva que, tras partir da rúa Alexandre Bóveda, rematou na Praza de Ravella despois de pasar polas principais rúas do centro da localidade.
O mal tempo fixo que dous grupos e algún disfraz individual ou parellas abandonasen a marcha, pero o tempo revolto non impediu que as beirarrúas estiveran cheas durante todo o traxecto para gozar co enxeño e a retranca dos participantes.
A gran triunfadora do desfile, no que se repartiron 7.300 euros en premios, foi a comparsa 'Reiventando o país das marabillas', de Redondela.
Recibiron os 1.300 euros reservados para o mellor grupo de máis de 21 persoas, superando 'El show del Gran Hotel' (Vilagarcía) e 'El jardín de la ilusión'.
O xurado do desfile, pola súa banda, fixo gañador a 'Cine Avenida' (Rianxo) do primeiro premio entre as comparsas de menos veinte membros, por diante de 'Remendos do Faiado' (Meis) e Escuela de hípica "Os pintamonas" (Portas).
Houbo galardóns especiais para 'El dragón en la muralla china' (Vilanova) como mellor carroza, para 'Menudo panorama' (Vilagarcía) como mellor animación ou para 'Vai Ana a mariscadora' (Vilagarcía), que recibiu unha mención especial
Entre os disfraces infantís, triunfaron 'Alma animal' (Pontevedra), 'Rodolfo Chikilicuatre' (Vilagarcía) e Babybel (Romai), en individual; e 'A viaxe máxica' (Caldas de Reis), 'Fantasía do Mar' (Pontevedra) e 'Os ratos larpeiros' (Meis), en parellas.
'A muller escorpión' (Pontevedra), 'Pepe, o cuncheiro' (Moraña) e Trump (Vilagarcía), en individual; e 'De volta á prehistoria' (Vilagarcía), 'As ratas do Galos no exilio' e ’Os médicos da peste negra' (Valga), en parellas, foron os preferidos entre os maiores de 14 anos.
Os premios para cinco choqueiros, 'A señora dos cascos', 'A señora das gafas', 'Toda natural', 'O xabarín' e 'Escola antiga', completaron o palmarés.
A festa de Entroido, tras o desfile continuou cun baile na Praza da Peixería.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.