Pavimentados catro camiños no lugar de Meiro

Bueu
18 de xaneiro 2024

As obras lévaas a cabo a empresa Construcciones Vale SL, cun importe de preto de 60.000 euros, que se financian con cargo ao Plan Concellos 2023

Pavimentado de viais no lugar de Meiro Concello de Bueu

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de mantemento de viais, Celso Dopazo, visitaron este xoves as obras de pavimentación que se están acometendo no lugar de Meiro.

Os traballos lévaos a cabo a empresa Construcciones Vale SL, que resultou adxudicataria cun importe de 57.080 euros, e que contan co financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra a través do Plan Concellos 2023.

A actuación inclúe os camiños situados na zona alta de Meiro, dende Fontouteiro ata Quintáns, e consistiron na limpeza e preparación de explanación con medios manuais e maquinaria pequena, roza, desherbado, retirada de terrón e terra vexetal, apertura ou limpeza de cunetas, escavación e regularización da plataforma, e arranxo do firme e pintado.

Estas obras forman parte do plan anual que o goberno local deseña para mellorar o acceso aos núcleos de poboación e espazos públicos, e que ten unha especial incidencia nas áreas rurais.