A asociación Pedaladas está a levar a cabo un proxecto de ciclismo adaptado, en colaboración coas asociacións Amencer-Aspace e Amizade, coa intención de que os escolares con diversidade física, psíquica e sensorial poida ter unha actividade de lecer relacionada coa bicicleta.
Desde que se iniciou este proxecto, un grupo de voluntarios está a participar desinteresadamente nestas actividades. Ademais, a asociación conta cun espazo cuberto no colexio Campolongo para poder practicar cos mozos con discapacidade grazas tamén á incorporación de kars cedidos por Rodas Galicia.
Pero para que o proxecto solidario poida seguir crecendo, desde a asociación alertan da necesidade de conseguir máis bicicletas adaptadas. As que se están utilizando actualmente son todas prestadas por distintas asociacións e empresas.
O custo dunha bicicleta adaptada sitúase entre os 1.000 e os 6.000 euros, unhas cantidades que se atopan lonxe das posibilidades económicas das familias dos menores que desexan ser usuarios destes vehículos. Por este motivo, desde Pedaladas, fan un chamamento para que as entidades ou as administracións públicas faciliten axudas para que se poida desenvolver esta modalidade deportiva adaptada.