Pedaladas recorda que a bicicleta "non se prohibiu" e que é válida para os desprazamentos autorizados

Pontevedra
27 de marzo 2020

O colectivo pide aos ususarios que extremen a seguridade e a desinfección deste medio de transporte, así como máxima colaboración coas autoridades se os pairan para pedirlle explicacións

Muller en bicicleta por Santa María Pedaladas

As medidas do estado de alarma que regula o desprazamento de persoas xera dúbidas entre a poboación e nos últimos días producíronse discrepancias entre peóns e policías sobre a legalidade de certas prácticas.

O uso de bicicletas é unha delas, por iso desde o colectivo Pedaladas emitiron un comunicado para lembrar que "o uso da bicicleta non se prohibiu, senón que se restrinxiu a mobilidade das persoas. A bicicleta é un vehículo válido para os supostos recollidos no estado de alarma".

No seu escrito, despois de enumerar os supostos nos que a saída de peóns á vía pública está permitida, a agrupación sinala que se pode ir en bicicleta a "comprar alimentos, ir recibir asistencia sanitaria, prestar asistencia a persoas dependentes ou acudir ao posto de traballo".

Xustifican esta posición en que a bici "permite unha mobilidade segura e saudable" e permite manter a distancia de illamento superior a un metro e poñen como exemplo cidades como Nova York, Bogotá ou Helsinqui nas que, segundo eles, as autoridades recomendan o uso deste vehículo en lugar do transporte público.

Aínda así, para garantir a seguridade dos ciclistas durante a situación de alerta sanitaria, Pedaladas recomenda non utilizar luvas deportivas, desinfectar o caso e os puntos da bicicleta que entran en contacto coas mans.

Con motivo dos últimos enfrontamentos e a picaresca dalgúns ciclistas, desde a asociación pontevedresa piden aos usuarios deste medio de transporte máxima colaboración coas autoridades. "Recomendamos aos usuarios explicar de forma moi precisa cal é o motivo do desprazamento, cal é o itinerario escollido e achegar calquera elemento de proba do que se dispoña" no caso de que os axentes déanlles o alto.

Neste sentido, tamén piden comprensión a aqueles cidadáns que desde os seus balcóns increpan aos ciclistas sen coñecer o motivo polo que está a usar a bicicleta.