Pensionistas e xubilados da CIG volven á loita

Pontevedra
27 de setembro 2018

Varias decenas de persoas secundaron a protesta, coa que tamén se busca poñer sobre a mesa o seu descontento porque co cambio de Goberno no Estado xeráronse "expectativas novas" que frearon as mobilizacións, pero, pasado un tempo, déronse conta de que é necesario seguir loitando

Mobilización de pensionistas e xubilados da CIG Mónica Patxot

Pensionistas e xubilados saíron á rúa este xoves en Pontevedra, do mesmo xeito que noutras localidades galegas, para volver reivindicar pensións dignas e denunciar que a actual subida das pensións, na realidade, non cambia substancialmente a situación, dado que supón unha media dun 2,6% de incremento.  

O colectivo secundou a concentración convocada polo sindicato CIG, que denuncia que este incremento non supón recuperar todo o poder adquisitivo perdido por pensionistas desde o ano 2013 en que a reforma do Partido Popular eliminou a revalorización das pensións co IPC.

Ademais, insisten en que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, xa que máis da metade non chegan aos 677,70 euros e critican que a subida que recollen os orzamentos aprobados en xullo supón un incremento de tan só 20 euros ao mes.

Varias decenas de persoas secundaron a protesta, coa que tamén se busca reclamar o traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía e poñer sobre a mesa o seu descontento porque co cambio de Goberno no Estado e a chegada do PSOE de Pedro Sánchez xeráronse "expectativas novas" que frearon as mobilizacións previstas, pero, pasado un tempo, déronse conta de que é necesario seguir loitando.