O chef pontevedrés estrela Michelin, Pepe Solla, serviu este venres o seu último menú no Comedor de San Francisco. O cociñeiro dedicou o cesamento de actividade dos seus restaurantes para poñerse a servizo do comedor social da capital, no que estivo a cociñar preto de tres meses durante tres días á semana para máis de 150 comensais ao día.
"Hai que dicir que é moi gratificante e moi triste á vez. Son sensacións opostas. Era triste ver como ía incrementándose a xente, xente normal. A calquera de nós pódenos pasar que non teñamos para comer, por iso ter un teito e comida é fundamental", reflexiona Solla. "A parte bonita é que é gratificante poder axudar e foi algo dinámico nestes tempos que estabas confinado", engade.
Durante esta tempada, o chef e o grupo de cociña do Comedor de San Francisco formaron un equipo moi compenetrado. "A xente da jet-set, como digo eu, é moi estirada", lembra a cociñeira titular da instalación, Carmen Canosa, o receo co que recibiu a noticia da colaboración do popular chef. "Pero é unha persoa encantadora, sinxela, dá gusto falar con el, non é máis que ninguén. El traballa e axúdache como o que máis, aconsellábase, deixábache falar, unha marabilla. Eu quedei encantada con el. Foi unha experiencia moi boa", recoñece a cociñeira, quen anima a "ir cear ao seu restaurante" para recompensar o seu traballo durante o confinamento.
A pesar de tratarse do último servizo do chef de Casa Solla, decidiu non preparar nada fóra do habitual. "Sempre procurabamos que houbera peixe, carne, verduras, hidratos... Tratabamos de equilibrar ou máximo posible. Hoxe tocou unha ensalada de pasta con ovos e tamén croissant e roscas", detalla Solla.
O Padre Gonzalo, que dirixe o Comedor de San Francisco, quixo agradecer tamén o traballo de Pepe Solla. "Axudounos moito, foi unha experiencia bonita e a xente que vén aquí a recoller a comida seguro que o agradecerá moito tamén", sinalou o cura, dando as grazas tamén ao Concello polas facilidades e a Protección Civil pola súa colaboración na repartición de comida a domicilio.
A institución, que a próxima semana celebra o seu 32 aniversario, seguirá prestando servizo aos máis necesitados. "Esta etapa foi distinta. Non máis dura en canto a traballo, pero estabamos afeitos a darlles de comer dentro. Dábanse dous pratos, sobremesa e café con leite, que era algo que agradecían moito. Agora só un. Chegamos a facer tres quendas e reuníanse preto de 150 comensais de media", contrasta o Padre o cambio de rutinas provocado pola pandemia.
A crise económica incrementou tamén o número de usuarios. "Estes meses veu xente que non viñera nunca, sobre todo familias que veñen coller comida para catro ou cinco", subliña o coordinador, quen alerta de que pronto necesitarán novos voluntarios porque "ata o de agora tiñamos voluntarios que viñan todos os días, pero son xente maior e teñen medo a unha contaminación do virus".
Na despedida de Pepe Solla participou tamén a concelleira responsable do departamento de Benestar Social, Paloma Castro, que aproveitou a ocasión para agradecer o traballo do cociñeiro. "Despedímonos de Pepe Solla que estivo tres meses botando unha gran man, colaborando co seu traballo e co seu produto nestes momentos dificiles onde todos temos que arrimar ou hombreiro", rematou a socialista.