Pepe Solla, Yayo Daporta, Javier Olleros e Pepe Vieira revalidan, un ano máis, as súas estrelas Michelín

Poio
19 de novembro 2014

En total, a provincia de Pontevedra contará de novo con seis restaurantes recomendados nesta prestixiosa publicación. Ademais de Casa Solla e Pepe Vieira (Poio), Yayo Daporta (Cambados) e Culler de Pau (O Grove), lograron manter este recoñecemento tanto Sibalario (Tui) como Maruja Limón (Vigo)

Yayo Daporta, Javier Olleros, Xosé Torres e Pepe Solla, na terraza de Casa Solla
Yayo Daporta, Javier Olleros, Xosé Torres e Pepe Solla, na terraza de Casa Solla

Sen sorpresas para a cociña pontevedresa. Así foi a gala organizada pola Guía Michelín para repartir as súas tradicionais estrelas, o recoñecemento que outorga anualmente aos mellores restaurantes de España e Portugal.

No evento, celebrado este ano no hotel Los Monteros de Marbella, confirmáronse os prognósticos. Pepe Solla, Yayo Daporta, Javier Olleros e Pepe Vieira revalidaron, un ano máis, as súas respectivas estrelas Michelín.

En total, a provincia de Pontevedra contará de novo con seis restaurantes recomendados nesta prestixiosa publicación. Ademais de Casa Solla e Pepe Vieira (Poio), Yayo Daporta (Cambados) e Culler de Pau (O Grove), lograron manter este recoñecemento tanto Sibalario (Tui) como Maruja Limón (Vigo).

O restaurante Nova (Ourense) de Daniel Guzmán e Julio Sotomayor é a única novidade entre a cociña galega, que con el alcanza as doce estrelas Michelín.

Tal e como se esperaba, apenas hai cambios nesta prestixiosa guía gastronómica con respecto ao ano pasado, máis alá de peches por reformas ou por cesamento de actividade.