O persoal do servizo de mantemento do Hospital Provincial esixe a equiparación salarial e laboral

Pontevedra
19 de xullo 2025
Actualizado: 7:44

Critican a negativa da empresa concesionaria, Veolia Grupo Norte, a negociar e o desinterese do Sergas nas condicións de traballo

Concentración dos traballadores de mantemento do Hospital Provincial

Traballadores do servizo de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra continuaron este venres coas mobilizacións para reclamar a equiparación das condicións salariais e laborais coas que xa ten recoñecidas o persoal de mantemento doutras áreas sanitarias.

A CIG-Industria critica que, tras máis dun ano tentando abrir unha mesa de negociación, nin a empresa adxudicataria do servizo, Veolia Grupo Norte, nin o SERGAS amosaron "disposición para avanzar nos dereitos" deste colectivo de traballadores.

Segundo explica a CIG, esta compañía aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, mais este non se axusta ás funcións características que desenvolve este persoal, como as gardas localizadas, o traballo en quendas, o horario nocturno, entre outras.

Por iso demandan melloras laborais e salariais por riba do convenio, coas que si conta por exemplo o persoal de Veolia que traballa no mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no comarcal do Salnés.

A representación social mantivo hai case dous meses unha reunión con responsables da área sanitaria para solicitarlles que a Xerencia facilitase un encontro coa empresa para abordar estras cuestións, "pero a día de hoxe seguimos sen noticias".

"A Xerencia non contesta e a empresa non quere negociar", denuncia Anxo Lúa, secretario da CIG-Industria de Pontevedra.

Neste contexto, o persoal realizou unha primeira concentración diante do Hospital Provincial o pasado 3 de xullo e ante a falta de avances, acordou repetir mobilización este venres.

Ademais, xa adiantan que non descartan convocar novas medidas de presión se a empresa e a administración sanitaria seguen sen querer negociar, pois o obxectivo "é que estas melloras se incorporen ao prego de condicións do concurso, cuxa concesión remata este ano, para que se consoliden e sexan respectadas pola seguinte empresa que asuma o servizo".