Piden a Tráfico aumentar os radares nas estradas con maior presenza de ciclistas

Pontevedra
17 de outubro 2016

A asociación Pedaladas, un dos colectivos que xunto a Masa Crítica máis se significou para defender os dereitos dos ciclistas, insiste en que as estradas da provincia, especialmente onde existe maior presenza de peóns e ciclistas, non son seguras. Por iso, reclaman unha reunión coa xefa provincial de Tráfico para trasladarlle unha serie de reivindicacións

Adiantamento a un ciclista Masa Crítica

A asociación Pedaladas, un dos colectivos que xunto a Masa Crítica máis se significou para defender os dereitos dos ciclistas, insiste en que as estradas da provincia, especialmente onde existe maior presenza de peóns e ciclistas, non son seguras. Por iso, reclaman unha reunión coa xefa provincial de Tráfico para trasladarlle unha serie de reivindicacións.

Desde esta asociación aseguran que son medidas que remitiron por escrito o pasado mes de abril, pero Tráfico non contestou e ademais "non temos confirmación algunha" de que se vaian a levar a cabo a curto prazo, a pesar de que non supoñería, aseguran, un gran desembolso económico.

Así, Pedaladas pide aumentar os radares fixos e móbiles na rede de estradas de Pontevedra onde se rexistre unha maior mobilidade ciclista. Entenden que o actual criterio de colocación non protexe aos colectivos vulnerables, sobre todo as fins de semana e festivos. "Non pedimos reducir velocidade senón que se cumpran os límites establecidos", matizan.

Do mesmo xeito que fixeron eles na PO-546 -a vella estrada a Marín-, os ciclistas reclaman colocar sinalizacións verticais que advirta da presenza de bicicletas e que se inclúa a lenda para que os coches se distancien polo menos metro e medio dos ciclistas cando traten de adiantalos na estrada.

Ademais, este colectivo esixe rigorosidade coa instalación de elementos non permitidos nas beiravías, por onde deben circular os ciclistas se é transitable "pero rara vez atopámonos cun". Inclúen neste ámbito colectores, carteis alleos á condución, vehículos aparcados ou restos de accidentes, entre outros.

Outras destas medidas son informar as administracións da sinalización incorrecta en materia de circulación, racionalizar o uso de bandas rugosas, capta faros ou separadores de plástico sobre o asfalto, avisar aos axentes de Tráfico para que fagan atestado mesmo nos accidentes máis leves, incluír a problemática ciclista nas campañas da DXT e aumentar a formación nesta materia.

Con esta iniciativa, Pedaladas busca tamén establecer unha canle de comunicación permanente coa Xefatura de Tráfico de Pontevedra e que organicen "unha ou dúas" reunións ao ano para avaliar a efectividade das medidas que se poñan en marcha para reducir os accidentes de tráfico nos que se vexan implicados os ciclistas.