Piden unha campaña de sensibilización sobre a reciclaxe en Marín

Marín
19 de decembro 2020

O BNG de Marín alerta sobre o uso incorrecto de contedores de lixo e sobre a presenza destes depósitos desbordando residuos. Ante esta situación, o grupo nacionalista reclama a intervención do goberno local

Contedor de plásticos en Marín BNG de Marín

Lucía Santos, portavoz municipal do BNG de Marín, trasladaba no último pleno municipal as queixas veciñais polo mal uso dos puntos de lixo e a súa incorrecta utilización. A representante nacionalista afirma que é habitual comprobar que os contedores de lixo atópanse desbordados ou que os residuos se atopan depositados nun contedor distinto ao que corresponde.

Ante esta situación, o BNG solicita ao goberno municipal de María Ramallo que se poña en marcha unha campaña de sensibilización para a correcta reciclaxe. A idea é sensibilizar á cidadanía da importancia que ten realizar unha correcta clasificación e depositar o lixo no contedor correspondente polo ben do medio natural.

Desde a formación nacionalista consideran que a administración pública debe concienciar á veciñanza da importancia de actuar de forma correcta desde cada domicilio para mellorar a calidade do servizo.