Piratas a babor e estribor na noite máis divertida e bandida

Pontevedra
21 de febreiro 2023
Actualizado: 04 de marzo 2025

A festa pirata comezou cunha sesión infantil na praza da Ferrería ás 17.00 horas con música. A partir das 20.00 horas, iniciábase o desembarco da Burla Negra no centro histórico entre outras embarcacións que animaron as rúas nunha noite longa que recrea con humor as aldraxes de Benito Soto, o pirata da Moureira

Desembarco do Burla Negra no Entroido 2023 / PontevedraViva

Benito Soto, o sanguinario pirata da Moureira, coa tripulación do Burla Negra volvía converterse en referencia durante a serán deste martes de Entroido no centro histórico de Pontevedra.

A festa iniciábase ás 17.00 horas cunha sesión pirata infantil na Praza da Ferrería. A música e os disfraces corsarios foron protagonistas da tarde.

Non era máis que un aperitivo para a cita central desta xornada, o desembarco pirata que recrea a invasión en Pontevedra do exército inglés e francés, expulsados da cidade polo pirata da Moureira, Benito Soto.

A principal novidade deste ano, o adianto horario deste desfile polo centro histórico, que pasou a ser ás oito da tarde, permitiu que centos de nenos puidesen gozar deste espectáculo.

Os tres barcos, o Burla Negra de Benito Soto, o Morning Star inglés -que tiña a unha muller como capitá- e o Trois Mers francés, repartíronse por diferentes espazos da zona vella para animar esta Noite Pirata, ata que todos eles atopáronse para recrear a batalla que acabaría por expulsar aos exércitos invasores.

Todo iso acompañado por animación polas rúas, sen que faltase moito redobre de tambores, lume e diversión a cargo da asociación Combrus, Troula e Vamos a Todo. Milleiros de persoas, moitas delas disfrazadas para a ocasión, seguiron as recreacións que se desenvolvían arredor dos barcos polas distintas rúas e prazas.

Xa ás 21.30 horas, o grupo vigués Broken Peach iniciaba o seu concerto máis bandido no escenario da praza da Ferrería ofrecendo as súas características coreografías. 

Durante a noite, os pasacalles pirata invadían o centro histórico coa participación de Solfamidas, Os da Caña, Las Flores del Carnaval, Os Miúdos, As Sonecas, Os Paparrulos, Os Canecos e Os 100Tolos facendo eterna unha das noites máis divertidas do ano.