A planta de biomasa de Cerdedo Cotobade estará lista en agosto

Cerdedo Cotobade
08 de xullo 2026

A rede dará servizo nesta primeira fase ao CEIP, á escola infantil, aos vestiarios do pavillón, á aula de música e á aula taller. Máis adiante, á residencia e ao Centro Cultural

Planta de biomasa de Cerdedo Cotobade Concello de Cerdedo Cotobade

Cerdedo Cotobade avanza na recta final da planta de biomasa incluída no proxecto europeo Aldealix, unha iniciativa de cooperación que busca promover comunidades enerxéticas locais capaces de producir e distribuír calor mediante biomasa de proximidade que favoreza a loita contra o cambio climático, a prevención de incendios ou a redución do consumo de combustibles fósiles.

O Concello informou do estado das actuacións nunha reunión celebrada no Centro Cultural de Cerdedo coa participación dos socios do programa e da empresa xestora, Eosa.

O proxecto está promovido por AGADER como socio principal, xunto con varias entidades de Galicia e do norte de Portugal, e mobiliza un investimento global de 2,6 millóns de euros, dos que 2 millóns proceden do programa europeo Interreg POCTEP 2021-2027. O seu obxectivo é aproveitar a biomasa forestal para abastecer edificios públicos e, nunha segunda fase, tamén vivendas particulares.

A iniciativa contempla a construción de plantas de biomasa en Monterrei, Cerdedo Cotobade, Vila Pouca de Aguiar e Arcos de Valdevez.

A de Monterrei está acabada e a de Cerdedo Cotobade, que entra na súa recta final, conta cun investimento de máis de 700.000 euros e consiste na construción dunha planta de biomasa de 95 metros cadrados, equipada cun silo para acha forestal e unha caldeira de 500 quilowatts. A instalación estará conectada a unha rede soterrada de tubaxes que permitirá distribuír a calor a distintos inmobles municipais.

Nunha primeira fase, a rede dará servizo ao CEIP, á escola infantil, aos vestiarios do pavillón, á aula de música e á aula taller. Máis adiante incorporaranse a residencia de maiores e o Centro Cultural de Cerdedo, e nunha terceira etapa poderían conectarse tamén as vivendas encostadas.

Segundo explicou o Concello, os traballos están xa practicamente terminados e só quedan pendentes as probas de presión da rede e as últimas conexións eléctricas. Se se cumpren os prazos previstos, a infraestrutura quedará finalizada durante o mes de agosto.

O alcalde, Jorge Cubela, destacou que o proxecto sitúa ao municipio "na vangarda da transición enerxética no rural" ao permitir substituír as actuais caldeiras de gasóleo por un sistema máis eficiente e sostible. Engadiu ademais que a planta axudará a reducir emisións e custos enerxéticos, así como a pór en valor a biomasa dos montes locais.

Cubela tamén remarcou a dimensión económica e social de Aldealix, ao considerar que pode xerar actividade vinculada ao sector forestal e abrir a porta a unha futura rede de calor para vivendas.