O pleno da corporación municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade o Convenio Colectivo do persoal laboral municipal.
Este acordo chega despois de que se aprobara polo pleno a Relación de Postos de Traballo (RPT), tamén o primeiro documento destas características co que conta o Concello de Cerdedo-Cotobade.
O goberno local destacou o "esforzo negociador" e o "pacto social" acadado cos traballadores municipais e os sindicatos con representación entre a plantilla de contratados laborais do Concello.
O convenio terá unha vixencia ata o 31 de decembro de 2026 e establece que a súa aplicación será a todo o persoal laboral que preste servizos no Concello de Cerdedo-Cotobade en todo aquelo que sexa compatible coa súa relación de emprego.
Os capítulos referidos ás retribucións e ao fondo social non serán de aplicación ao persoal temporal contratado con cargo a programas ou plans de substantividade propia, a marxe da actividade ordinaria e habitual da Administración Municipal que serán obxecto de financiamento externo.
O novo texto aprobado tamén contempla a creación de comisións mixtas paritarias entre representantes dos traballadores e do Concello para o seguemento da aplicación do convenio colectivo. Tamén se establece o compromiso de resolver calquera diferencia ou conflicto dentro da propia comisión mixta.
MOCIÓNS
Neste mesmo pleno foi aprobada cos votos do BNG e o PSOE e a abstención do PP a moción presentada polo grupo municipal do Bloque para que o Concello "borre os vestixios laudatorios da ditadura franquista".
Ernesto Filgueira, voceiro nacionalista, recriminou ao alcalde Jorge Cubela que xa van tres veces que a súa formación leva este tema a pleno "e vostede segue sen ser capaz de condenar o réxime fascista que nos levou a unha longa noite de pedra".
No pleno tamén se debateu a iniciativa socialista sobre a aprobación do PXOM. Os territorios de Cerdedo e de Cotobade teñen normas urbanísticas distintas sendo unhas do 2014 e outras de 1997. O alcalde explicou que non ten ningunha intención de revertir esta situación e aprobar un PXOM común.
Houbo outras dúas mocións que non foron tratadas ao non aceptar a urxencia o alcalde e o seu grupo. A moción do BNG sobre a ponte de Pedre e a moción conxunta BNG-PSOE para que o aparcamento do hospital Montecelo sexa de balde.