Poio abre o cemiterio municipal este xoves 7 con horario restrinxido e Marín agardará ata o luns 11

Marín
06 de maio 2020

En Poio será obrigatorio acceder con máscara de protección e luvas, e o horario do cemiterio municipal de San Xoán será de 09.00 a 12.00 horas. En Marín está prevista a apertura na vindeira semana dos camposantos da Raña, do Campo e de Ardán e só será obrigatorio manter o distanciamento de seguridade

Cemiterio
Cemiterio / Diego Torrado

Os cemiterios da Raña, do Campo e de Ardán, situados en Marín, volverán abrir ao público para partir do próximo 11 de maio nos horarios habituais. O goberno de María Ramallo indicaba este mércores que a partir desa xornada xa se poderán visitar estes espazos sempre que se adopten as correspondentes medidas de seguridade.

Será por tanto necesario que as persoas que acudan cumpran co distanciamento social e todas aquelas medidas necesarias para a prevención ante a pandemia. 

O goberno local espera que a apertura con horario habitual evite aglomeracións de persoas, especialmente no cemiterio da Raña, que é o máis grande dos tres municipais.

POIO

Tamén o  Concello de Poio indica que o cemiterio municipal, situado na parroquia de San Xoán, volverá abrir de forma progresiva, adaptándose ás fases estipuladas ao longo da  desescalada, segundo as indicacións que marque o goberno central.

Este xoves 7 de maio, o camposanto xa estará aberto, en horario único de 09.00 a 12.00 horas hasta nueva orden. Para poder acceder ás instalacións será obrigatorio utilizar máscaras e luvas. No caso das luvas poderanse arroxar, unha vez que se abandone o cemiterio, nun depósito de lixo que se instalará na entrada ao recinto.

A veciñanza que acuda deberá manter as distancias de seguridade, segundo indican desde o goberno local. Os usuarios só poderán acceder aos seus respectivos panteóns. Quedan prohibidos os paseos polo interior e os baños continuarán pechados ao público.