O novo curso está a piques de comezar e en Poio non quixeron deixar pasar a oportunidade de celebralo ao grande.
Máis de 1.000 nenos volverán ás aulas este luns, e para facer máis levadía a volta, o Concello organizou este venres unha gran festa de benvida que encheu a praza da Reiboa, na Seca, de risas, xogos e unha explosión de cor.
Desde as seis da tarde, centos de familias achegáronse a gozar dunha tarde repleta de actividades gratuítas para todos os públicos. Houbo obradoiros de manualidades con materiais reciclados, inchables para todas as idades, sorpresas e moita música.
O encargado de pór a todo o mundo a bailar foi o animador musical Javi Solla, que converteu a praza nunha auténtica pista de baile ao aire libre.
Pero sen dúbida, o momento máis esperado chegou coa festa holi: canóns lanzando po de cores tinguiron o ambiente e desataron unha choiva de alegría, marcando o final perfecto para esta xornada que despediu o verán e deu a benvida ao novo curso cun sorriso.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, non quixo perderse a cita e participou activamente xunto a outros membros do goberno local.
Destacou o bo ambiente vivido e reafirmou o compromiso do Concello con actividades que fomenten a diversión en familia, porque "queremos ofrecer propostas que sexan dinámicas, entretidas e atractivas para gozar xuntos".
Este luns, 8 de setembro, serán 1.074 os nenos que volverán ás aulas no municipio Poio, con mochilas cargadas de ilusión... e quizá tamén con algún recordo tinguido de cores desta tarde máxica. A eles súmanse os 50 peques que xa comezaron na escola infantil Galiña Azul.
Por centros, os datos de matrícula repártense así: 10 nenos na Escola do Vao; 64 no colexio de Viñas; 149 en Lourido; 155 en Isidora Riestra; 171 en Chancelas; e 50 en Espedregada. En canto ao IES de Poio, este curso contará con 475 alumnos.
Os centros xa están listos para recibir ao alumnado: durante o verán levaron a cabo tarefas de mantemento, limpeza, roza e xardinaría, en colaboración coas ANPAS e os equipos directivos de cada colexio.
E a diversión non se detén aí. Este sábado continúa a programación coa ruta ciclista "Pedalea con La Vuelta", unha actividade para todas as idades que arrancará ás 11:00 desde a Praza do Mosteiro.
O percorrido circular pasará por Campelo, Lourido -con parada especial en Froiz como homenaxe ao seu equipo ciclista- e Liñares, para regresar ao momento de saída, onde haberá sorteos e sorpresas para os participantes.
En total, serán 12 quilómetros de paseo en bicicleta, a un ritmo suave e adaptado para todos. Non fai falta inscribirse, pero iso si: é obrigatorio o uso de casco e os menores de 12 anos deben ir acompañados por un adulto responsable.