Poio esixirá a Portos a inmediata remodelación da ponte de Covelo

Poio
20 de xaneiro 2016

O arranxo da ponte de Covelo é unha esixencia dos veciños asumida polo Concello de Poio que se atopa bloqueada pola burocracia da Xunta de Galicia

Presentación do proxecto da ponte de Covelo Portos de Galicia

O arranxo da ponte de Covelo é unha esixencia dos veciños asumida polo Concello de Poio que se atopa bloqueada pola burocracia da Xunta de Galicia.

O proxecto fora aprobado durante o goberno bipartito PSOE-BNG presidido por Emilio Pérez Touriño, e a día de hoxe aínda non empezou.

O pasado mes de decembro Portos de Galicia instalou unha caseta de obra que alimentaba a esperanza dun inmediato arranxo desta perigosa ponte, mais todo foise ao traste por un novo contratempo, do que o ente presidido por José Juan Durán, non tivo a ben informar.

As xestións da tenente de alcalde, Chelo Bicada, ante o goberno autonómico non conseguiron desbloquear esta actuación, polo que o Concello ten intención de concertar un novo encontro co máximo dirixente de Portos de Galicia para esixir o inmediato cumprimento deste compromiso.

O Concello de Poio convocou aos representantes dos colectivos da comisión de seguimento dos portos de Raxó e Covelo-Samieira a unha reunión que se celebrará o vindeiro luns 25 de xaneiro ás 20 horas no salón de plenos da casa consistorial.