Poio informa o sector hostaleiro da nova normativa temporal

Poio
13 de maio 2020

O documento permite a ocupación de xardíns, prazas e parques públicos, respectando sempre os espazos necesarios para garantir o tránsito peonil e de vehículos e fincas ou hortas privadas

Poio informa ao sector hostaleiro da nova normativa temporal Concello de Poio

O goberno municipal trasladou este mércores a varios profesionais do sector da hostalería e restauración os detalles do documento a través do cal se permitirá a ampliación da instalación de terrazas, de xeito temporal e excepcional, mentres perdure o estado de alarma e non conclúa o proceso de desescalada vixente.

Se permite a utilización do 50% destes espazos exteriores, respectando a distancia física de polo menos dous metros entre as mesas e cun máximo de grupos de dez persoas, que tamén teñen que manter unha distancia interpersoal.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral; a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, a responsable de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o edil de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, contactaron vía telemática con varios profesionais para explicarlles os pormenores do documento e escoitar as súas propostas.

A instancia poderase descargar da páxina web do Concello de Poio ou no Rexistro. Os establecementos deberán informar da ocupación realizada, xunto con declaración responsable e fotografías ou planos sinalando os espazos nos que queren instalar as mesas e cadeiras. A Policía Local e os departamentos de Urbanismo e Apertura de Actividades serán os encargados de informar sobre a viabilidade de cada proposta.

Esta instrución temporal elabórase de xeito consensuado, xa que na súa configuración tomaron parte todos os grupos da corporación municipal.

No que á utilización do espazo público municipal se refire, o documento sinala que os establecementos interesados poderán gozar desta ampliación de xeito gratuíto, ata que desaparezan os condicionantes e restricións da actividade, respectando as distancias de seguridade ás zonas transitadas por peóns.

Ademais, os locais poderán solicitar a ampliación da superficie de terraza que permita a distancia de seguridade entre mesas ou agrupación das mesmas, ata un límite que non supere o número que establece o seu aforo. Tamén se permitirá temporalmente ocupar o dominio público que dea a fachadas doutros edificios non comerciais, respectando accesos e distancias de seguridade, así como parques, prazas ou xardíns, garantindo sempre o tránsito de peóns e vehículos.

Con respecto aos espazos privados, poderanse utilizar, mentres duren as restricións na actividade polo estado de alarma, xardíns, hortas ou patios interiores. O Concello informou tamén aos profesionais de que non se permitirá o uso de aparatos reprodutores de imaxe ou son, así como o peche do solo público. Si se contemplan os parasoles de cor neutras e mamparas separadoras transparentes, sen publicidade nen anclaxes.

O documento tamén recolle un anexo que fai referencia ás medidas de hixiene. Deberase proceder á limpeza e desinfección das mesas e cadeiras entre un cliente e outro e, preferiblemente, utilizaranse manteis dun só uso. Porase a disposición do público dispensadores de xel hidroalcohólico se eliminarán os produtos de autoservizo (palilleiros, servilleteiros, aceiteiros ou elementos similares).

As tarefas de limpeza desinfección levaranse a cabo, como mínimo seis veces ao día. A ocupación máxima dos aseos será dunha persoa. Ademais, recoméndase non utilizar cartas, optando por dispositivos electrónicos, pizarras ou carteis. Con respecto ao persoal, estableceranse medidas organizativas ou quendas que garantan cumprir co distanciamento de seguridade.

REACTIVACIÓN ECONÓMICA E SEGURIDADE

Un dos aspectos nos que fai fincapé o Concello é na necesidade de que esta instancia non só axude a reactivar a actividade económica, senón que tamén resulte compatible coa seguridade da veciñanza do entorno, coa separación cos peóns, coas entradas de edificios, garaxes, e con toda a actividade do entorno do establecemento.

Neste sentido, o goberno local fai un chamamento para que "todos nos impliquemos, de xeito que axudemos a mantermos na fase 1 e a ir completando o proceso de desescalada de xeito satisfactorio".

Tamén se destaca a importancia de transmitir a imaxe de Poio como un destino turístico seguro, para o cal é indispensable cumprir con todas as normas de seguridade, distanciamento e hixiene, de xeito de que "os potenciais visitantes, en canto poidan volver a desprazarse, teñan conciencia de que aquí se cumpren de xeito rigoroso cos protocolos establecidos polas autoridades".