O Pleno de Poio aproba a operación financieira que permitirá asumir "investimentos clave"

Poio
01 de xullo 2025
Actualizado: 15:15

A alternativa adoptada consistiu na amortización parcial dun préstamo vixente cun interese do 3,6%, e a formalización dunha nova operación financeira

Concello de Poio
Concello de Poio / Mónica Patxot

O pleno do Concello de Poio aprobou este luns, co voto favorable do goberno local, unha operación financeira que permitirá destinar 700.000 euros a "investimentos clave" no municipio. Os grupos municipais do BNG e do PSOE votaron en contra.

Así, con esta aprobación, o Concello poderá avanzar na rehabilitación integral do parque Costa Xiráldez, en Lourido (cunha partida de 204.000 euros), na construción de baños públicos en Cabeceira (45.000 euros) e na aportación municipal á humanización entre A Seara e Campelo, cun investimento de preto de 440.000 euros, dentro do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra.

Segundo indicou o alcalde, Ángel Moldes, esta operación foi "necesaria" ante a imposibilidade de utilizar directamente os 2,4 millóns de euros do superávit acumulado en 2024 "debido ás limitación impostas polo Goberno central".

Así pois, explicou, "buscamos unha alternativa legal, eficaz e beneficiosa".

A alternativa adoptada consistiu na amortización parcial dun préstamo vixente cun interese do 3,6%, e a formalización dunha nova operación financeira cun tipo máximo do 2,8%, o que permitirá un aforro en intereses de 300.000 euros e "unha mellor xestión da débeda".

"É unha decisión responsable: teremos menos débeda, pagaremos menos intereses e, o máis importante, poderemos executar proxectos necesarios, prioritarios e históricos, cos que damos cumprimento ao noso programa de goberno", indicou Moldes.

Ademais, o alcalde recordou que esta decisión non vai incrementar a débeda municipal, xa que esta operación substituirá un préstamo vixente e cun tipo de interese máis favorable.

Ademais das actuacións principais, o acordo aprobado en Pleno tamén permitirá abordar outras cuestións pendentes como actuacións adicionais no espazo coworking da Seca, o pago dunha sentencia por usurpación dun terreo e demolición de cabaña sen autorización do propietario en 2019 no camiño de Vilanova ou pago a Covsa tras outra sentencia que revisaba os prezos de obras executadas no anterior mandato, entre outros.