Preto de 5,5 millóns de euros prevé investir o goberno municipal de Poio para completar a folla de ruta marcada ata o final do actual mandato. Estes cartos servirán, segundo destacan, para poñer en marcha actuacións "moi ambiciosas" e demandadas no municipio.
O obxectivo é abordar actuacións nas cinco parroquias que melloren a calidade de vida da veciñanza de Poio, a través de obras e proxectos de todo tipo.
Os 5,5 millóns proveñen maioritariamente do préstamo de 2,7 millóns que vén de solicitar o Concello, os 1,4 millóns de remanente de tesourería, os 565.000 euros que contemplan os orzamentos no apartado de investimentos ou os 743.000 euros do Plan Concellos.
O goberno municipal destinará máis de 600.000 euros para impulsar convenios con outras administracións, de cara a impulsar actuacións como a reforma integral da PO-308 ao seu paso por Andurique, Porteliña e A Barca ou a humanización da Rúa Ramón Encinas, en Raxó.
Nesta liña tamén se inclúen cantidades para convenios destinados a rehabilitar o casco histórico de Combarro ou diferentes núcleos do rural, como é o caso de Xuviño.
A construción e reforma de diferentes instalacións deportivas, entre as que destaca a implantación de cuberta para as pistas de tenis de Monte Baldío ou o cambio de céspede do terreo de xogo da Reiboa, as melloras en equipamentos como o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, a Casa Museo de Colón ou o Casal de Ferreirós ou reformas na biblioteca de Campelo son outras obras que tamén se levarán a cabo grazas a esta inxección económica.
A través de este plan tamén se impulsan as axudas directas para os sectores máis afectados pola crise da covid-19 (150.000 euros) e se contemplan novas medidas para dinamizar o eido formativo, turístico ou cultural, entre outros.