Poio terá que esperar pola reforma da PO-308

Poio
13 de xaneiro 2015

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou que a reforma da estrada PO-308 entre Portonovo e A Lanzada se licitará ao longo deste ano, non obstante o tramo que transcorre polo concello de Poio terá que esperar

Manifestación reivindicativa na PO-308 PoontevedraViva

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou que a reforma da estrada PO-308 entre Portonovo e A Lanzada se licitará ao longo deste ano, non obstante o tramo que transcorre polo concello de Poio terá que esperar.

"A seguridade vial é unha das prioridades do Goberno autonómico", asegurou a responsable de infraestruturas no Goberno galego, que espera que os traballos de mellora deste vial se acometan "no 2015, no prazo máis curto posible".

A conselleira contrapuxo a situación de Poio co avanzado estado do proxecto de reforma do vial no municipio de Sanxenxo que conta cun proxecto construtivo aprobado e cuxos terreos están xa a disposición de Medio Ambiente.

Pola contra, no municipio de Poio os terreos necesarios para a obra non están cedidos á Xunta, aínda que o proxecto está xa redactado. "Precisamos ter os terreos a disposición da Xunta e esperamos que o Concello colabore na súa posta a disposición, e así llo trasladaremos", concluíu a conselleira.

Dende o goberno local de Poio sosteñen que en gran parte do trazado poderíanse construír beirarrúas se necesidade de expropiar terreos, xa que estes foron cedidos no seu día polos propietarios.

Colectivos, políticos e a Plataforma pola Seguridade Vial na PO 308, levan anos reclamando a posta en marcha do proxecto de seguridade que inclúa mellor sinalización, pintado e iluminación dos pasos de peóns, a instalación de semáforos e incrementar os tramos de beirarrúa, especialmente nos intervalos urbanos.

Por esta estrada autonómica circulan uns 20.000 vehículos ao día.