Polbo xigante á venda no Mercado de Abastos

Pontevedra
30 de decembro 2023

Espectacular imaxe a que ofrecía o exemplar á venda no posto de Pescadería Cachadas no Mercado pontevedrés este sábado 30 de decembro. O polbo presenta un peso de 13'5 quilos e foi capturado na ría de Arousa, na zona de Ribeira

O enorme polbo no posto de venda de Pescadería Cachadas PontevedraViva

Quen se achegou este sábado polo Mercado de Abastos de Pontevedra quedou sorprendido coa espectacular imaxe do polbo que se atopaba á venda no posto de Pescadería Cachadas.

Un enorme exemplar, capturado na ría de Arousa, na zona de Ribeira, lucía impresionante no expositor de venda.

O polbo mide máis dun metro e medio de altura grazas aos seus enormes tentáculos e o seu peso alcanza os 13,5 quilos.

Todo un manxar para este fin de ano xa que, cada vez, son máis as persoas que se decantan polo polbo como elemento gastronómico en datas do Nadal.

Pescadería Cachadas non é a primeira vez que ofrece produtos dun tamaño inusual. Algúns clientes aínda lembran un enorme mero, que lucía os seus 30 quilos de peso na praza pontevedresa.