Ponte Caldelas devolverá as taxas de 2020 aos vendedores ambulantes da feira

Ponte Caldelas
05 de setembro 2020

Así o anunciou o Concello de Ponte Caldelas, que devolverá todas as contías correspondentes ao ano 2020, xa que os feirantes viron reducidos os seus ingresos tras varios meses sen feira pola pandemia da COVID-19

Feira ambulante de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Os vendedores ambulantes que participan na feira que, dúas veces ao mes, se celebra en Ponte Caldelas recuperarán os cartos que pagaron nas taxas para participar no mercadiño.

Así o anunciou o Concello de Ponte Caldelas, que devolverá todas as contías correspondentes ao ano 2020, xa que os feirantes viron reducidos os seus ingresos tras varios meses sen feira pola pandemia da COVID-19.

"Con esta axuda preténdese compensar aos vendedores ambulantes, que a causa da pandemia non puideron montar os seus postos durante varios meses", explica o alcalde, Andrés Díaz.

O Concello notificará a todos os feirantes a decisión a través da sede electrónica e informaralles dos prazos establecidos para solicitar a devolución.