Ponte Caldelas humanizará a Avenida de Galicia e a estrada do balneario

Ponte Caldelas
29 de febreiro 2020

Algo máis dun millón de euros. É o investimento que fará Ponte Caldelas para humanizar dúas das principais rúas da vila: a Avenida de Galicia e a estrada do balneario. Ambas obras estarán financiadas con fondos europeos, segundo avanza o goberno municipal

Proxecto de reforma da avenida de Galicia
Proxecto de reforma da avenida de Galicia

Algo máis dun millón de euros. É o investimento que fará Ponte Caldelas para humanizar dúas das principais rúas da vila: a Avenida de Galicia e a estrada do balneario. Ambas obras estarán financiadas con fondos europeos, segundo avanza o goberno municipal.

Estas axudas, destinadas á implantación da mobilidade urbana sostible, permitirán a Ponte Caldelas recibir 884.591 euros para financiar estas obras, valoradas en 1,1 millóns de euros.

A primeira actuación será unha intervención na Avenida de Galicia, creando unha vía de sentido único con calmado de tráfico cunha zona noble empedrada diante do edificio consistorial e do templo, colocando mobiliario urbano, beirarrúas de pedra e creando tamén zonas verdes e espazo de estacionamento en batería, co que se ampliarán o número de prazas.

O custe do proxecto son 431.233 euros. A subvención concedida é de 344.986 euros e o Concello aportará 86.246 euros.

O segundo proxecto consiste na mellora dos itinerarios peonís na estrada do balneario, de maneira que quedará unha vía de sentido único no que se crearán beirarrúas en pedra, estacionamentos en batería para incrementar o número de prazas, incluíndo espazos para o aparcamento de autobuses, a creación de zonas verdes e dotación de mobiliario urbano.

O custo do proxecto é de 674.506 euros, dos que 539.604 euros serán achegados polos fondos europeos e 134.901 euros polo Concello de Ponte Caldelas.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recalca que a obtención de subvencións europeas "é un feito histórico" e que demostra que "unha boa xestión e a total implicación comezan a dar os seus resultados".