O Concello de Ponte Caldelas sacou a licitación o servizo de axuda no fogar. As empresas interesadas nesta prestación dispoñen de prazo ata o próximo 10 de xuño para presentar as súas ofertas.
O contrato sae cun prezo de 252.295,68 euros e unha duración dun ano, prorrogable por un segundo. Supón, por tanto, un incremento do 12% sobre o importe (225.000 euros) da actual empresa prestataria que, despois de dez anos, cesa nesta actividade na vila do Verdugo. O Concello aprobou unha modificación de crédito para atender esta partida.
O SAF, do que actualmente benefícianse 34 persoas, contempla a prestación de servizos de apoio para a vida diaria, axuda para outras actividades e axuda para a atención doméstica e da vivenda. O goberno municipal pretende que con esta licitación se produza tamén un incremento paulatino no número de persoas atendidas. O novo contrato vai supor tamén unha mellora das condicións laborais das 13 traballadoras que atenden o SAF, que pasarán a percibir o salario mínimo interprofesional.
O goberno municipal subliña que ao comezo do mandato, no ano 2015, o SAF tiña un custo de 120.000 euros e ao seu remate péchase cunha suba total acumulada dun 110%, polo que súmase ás voces que reclaman un cambio de modelo para que a Xunta de Galicia dea un maior soporte económico a este servizo imprescindible para o benestar da veciñanza.