Ponte Caldelas ponse 'guapa' para a Festa da Batalla

Ponte Caldelas
22 de agosto 2014

Operarios municipais decoran rúas e prazas ante a celebración do próximo domingo. A recreación da batalla ante os franceses celebrarase ás 13:00 horas

Rúas de Ponte Caldelas decoradas para a Festa da Batalla

Operarios municipais e membros da organización afánanse en decorar as rúas e prazas de Ponte Caldelas ante a inminente Festa da Batalla e a Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros.

Os actos concentraranse na xornada do domingo 24 de agosto, momento no que os veciños de Ponte Caldelas retrocederán a principios do século XIX para conter as tropas de Napoleón.

A recreación histórica da batalla contra os franceses arrancará ás 13:00 horas coa participación de máis de 200 persoas ataviadas con traxes de soldados franceses e Alarmas galegas. Armas de fogo e salvas de canóns achegarán vistosidade ao enfrontamento.

En canto conclúa a batalla preto de 400 comensais participarán nos xantares organizados a beiras do río Verdugo.

Para completar a xornada, dende as 11:00 horas abrirase o posto da Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros, e ás 19:00 horas terá lugar unha exhibición de doma a cargo do Club Hípica Amazonas da Insua nun terreo situado xunto ao paseo do río.