Ponte Caldelas reformará a estrada interior de Vilarchán

Ponte Caldelas
24 de abril 2021

A estrada presenta actualmente numerosas fochancas, baches e moitas deficiencias de seguridade viaria que quedarán totalmente solucionadas con esta actuación integral que mellorará os 1.500 metros dos que dispón este vial

Estrada interior de Vilarchán Concello de Ponte Caldelas

O goberno municipal de Ponte Caldelas investirá uns 139.000 euros nun proxecto que permitirá reformar de xeito integral a estrada interior de Vilarchán que, nalgúns dos seus treitos, se atopa en malas condicións.

A estrada presenta actualmente numerosas fochancas, baches e moitas deficiencias de seguridade viaria que quedarán totalmente solucionadas con esta actuación integral que mellorará os 1.500 metros dos que dispón este vial.

A reforma contempla a limpeza de todas as marxes, a aplicación de nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor, a recolocación de todas as tapas de rexistro, o pintado da sinalización vial e a colocación de sinalización vertical, a construción de cunetas en formigón e a realización de novas canalizacións de pluviais. 

Ademais, colocaranse varios redutores de velocidade e pecharase con bolardos a perigosa intersección coa PO-532 que se atopa en plena curva e que presenta escasa visibilidade, onde xa se produciron en diversas ocasións accidentes con feridos.

Tamén está previsto ampliar a sección viaria en todos os tramos que sexa posible.

Esta é, destacan desde o Concello, unha obra importante para os lugares de Vilarchán, Contixe e Mirón ao tratarse dunha estrada con moito tráfico e un importante eixe de comunicación para a veciñanza desta zona, unha das máis poboadas do concello.