Pontedetapas anima de novo os fogóns da hostalería local

Pontevedra
24 de novembro 2022

Pontedetapas xa está de volta. Tras dous anos de parón pola pandemia, o principal certame gastronómico de Pontevedra reclama o seu protagonismo. Faino da man de 25 locais de hostalería da cidade que ofrecerá aos clientes un total de 26 elaboracións

Roteiro inaugural de Pontedetapas Mónica Patxot

Pontedetapas xa está de volta. Tras dous anos de parón pola pandemia, o principal certame gastronómico de Pontevedra reclama o seu protagonismo. Faino da man de 25 locais de hostalería da cidade que ofrecerá aos clientes un total de 26 elaboracións.

O evento arrancou cun paseo inaugural no que participaron os edís Yoya Blanco e Iván Puentes e o presidente de Hoempo, a asociación de hostaleiros de Pontevedra, Daniel Lorenzo, que probaron as tapas propostas por Gumer, Bocarte e La culpa de la gula.

Os pontevedreses poderemos degustar as propostas dos participantes ata o 4 de decembro. Haberá, como todos os anos, un pasaporte que, mediante o seu selado, permitirá acceder a agasallos directos, ceas para dúas persoas ou lotes de cervexa.

Todas as tapas teñen un prezo de venda ao público de catro euros e cada negocio estableceu un horario concreto para o servizo das tapas.

As tapas e os locais que participan este ano son:

  • Ultramar: Mexillón nunha mariñeira, cremoso de apionabo e mollo de herbas frescas
  • Loaira Xantar: Trasmallos entre neboeiro
  • Umami Poke Restobar: Allegra (opción vegana)
  • Pintxoviño: Taquiño de atún
  • A Gramola: Brioche de carrilleira
  • Bar Karma: Tortilla Kármica (vegana)
  • Tabula Rasa: Viva México... Gambones!
  • A Fervella: Ensaladilla de polbo
  • La Buena Vida: Tapita churraskiña con tapas lokas
  • Adega dos Avós: Tortilla de polbo
  • La Culpa de la Gula: Bolo de vento de txangurro con crema de wakame, fideos fritos e katsuobushi
  • Gumer: Canelóns de xarrete de vaca galega
  • Bocarte: Ovella que bala...
  • Meu e Teu: Fazulas en salsa de mencía
  • El Cafetín (La Gastroteca): VacaLao 'Do cru ao cocinao'
  • Café Central: Delicia galega
  • Soulbeer: Ínfulas de pataca ao medio polo
  • Lulo Gastrogrill: Mini bourbon BBQ burger
  • Casa Verdún: Gofre de outono
  • Sirius Bar: Burger sirius
  • Padal da Santiña: Morde millo e Porrogreen
  • Cre-Cottê: Bocadito crujiente de langostino
  • Icewolf: Momos de cocido galego en caldo dashi
  • Pontegrill: Celta caribeño
  • Cafetería Sonata: Novembro salgado

 

Pontedetapas estreará este ano un novo sistema de votación dixital, no que as puntuacións de cada tapa se realizarán a través dun código QR personalizado dispoñible en cada local.

O concurso concederá galardóns en dúas categorías: a de Mellor Tapa Creativa, na que se ponderarán valores gastronómicos como a innovación, a técnica, a presentación e a orixinalidade; e a de Mellor Tapa Tradicional, valorando as receitas tradicionais, a utilización de produtos de proximidade e a identidade gastronómica galega.

Haberá dous premios para cada categoría e o primeiro premio do público na categoría de Tapa Creativa terá o recoñecemento de Tapa de Pontevedra, o que lle permitirá representar á cidade na final do #deTapasxGalicia, o certame organizado pola Axencia de Turismo de Galicia, no que competirán as tapas gañadoras dos concursos de tapas das sete cidades.