PonteSán despide a súa segunda edición reclamando a volta das citas médicas presenciais

Pontevedra
20 de setembro 2021

A segunda edición da feira da saúde clausurouse este domingo coa lectura dun manifesto por parte de Iria González, representante da Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia)

Acto de clausura da segunda feira da saúde PonteSán Concello de Pontevedra

A segunda edición da feira da saúde PonteSán clausurouse este domingo en Pontevedra tras varias xornadas de actividade coa lectura dun manifesto por parte de Iria González, representante da Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia).

No texto, entre outras cuestións, as asociacións participantes da feira demandaron a volta "de xeiro inmediato" das citas médicas presenciais en Atención Primaria e en Atención Psiquiátrica e Psicolóxica porque "non podemos xustificar nestes momentos, nos que hai unha volta progresiva á normalidade, que nun dos servizos máis perentorios, como é o da saúde, non se renoven as consultas presenciais".

Ademais González reclamou activar o catálogo de medicamentos de farmacia ao tratarse en moitos casos de fármacos necesarios para o día a día das persoas.

Outras demandas foron a de buscar unha maior participación dos pacientes nos comités éticos, a actualización do baremo de discapacidade, a creación de unidades multidisciplinares para o tratamento de patoloxías e que se amplíen as liñas de financiamento cara ás asociacións sanitarias.

A última xornada de PonteSán contou no seu programa con varias actividades como unha andaina solidaria, un taller de primeiros auxilios básicos impartido por Cruz Vermella, outro de 'control postural, valoración e adestramento de forza', un relatorio titulado 'o día a día, mellor con exercicio físico', e unha clase de danza aberta ao público.