Pontevedra, A Lama, Meis e Moraña pasan a nivel máximo de restricións

Pontevedra
18 de xaneiro 2021

O comité clínico reunido este luns 18 decidiu que 116 municipios de Galicia queden emprazados no nivel de restricións máis elevado. Esta decisión afecta o 72% da poboación da comunidade autónoma. Tanto o municipio de Pontevedra como o de Vigo pasan a este nivel, despois de que os expertos revisaran a evolución epidemiolóxica da covid-19 nos últimos días

Alberto Núñez Feijóo, Julio García Comesaña e Fabiola García participan por videoconferencia na reunión do comité clínico de expertos sanitarios Xunta de Galicia

O comité clínico, que se reunía na tarde deste luns 18, decidía elevar ao nivel máximo de restricións aos principais municipios da provincia: Pontevedra e Vigo. A eles hai que sumar os Concellos da Lama, Meis, Moraña, Catoira e Forcarei. Os expertos consideran que é necesario este cambio atendendo á evolución epidemiolóxica da covid-19 nos últimos días.

A decisión de incrementar o nivel afecta a 56 municipios de Galicia. Desta forma, a partir desta decisión que será explicada por Julio García  Comesaña, conselleiro de  Sanidade, na mañá deste martes, actualmente 116 municipios da comunidade atópanse nese nivel máximo de restricións. Esta decisión afecta ao 72% da poboación galega.

Con estas restricións, o máximo de persoas por reunión de non conviventes é de catro persoas; a hostalería deberá pechar ás 18.00 horas e a capacidade nas terrazas deberá establecerse no 50%. O límite de capacidade en actividades culturais e deportivas é de 250 persoas en actividades de interior e 500 nas de exterior, segundo decretaba a Xunta de Galicia.

Continúan os peches perimetrais e as autoridades sanitarias insisten en que a poboación reduza as saídas unicamente para realizar actividades necesarias: atención médica, colexio, traballo (recoméndase que preferiblemente se realice de maneira telemática), coidado de maiores e menores, ademais da compra de produtos indispensables.