O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou que a construción de vivenda pública na cidade de Pontevedra colla "velocidade de cruceiro" con 432 vivendas en diferentes fases de execución.
Rueda asinou este luns co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a cesión de tres parcelas que o Concello entregará á Xunta para construír 118 novas vivendas nos barrios de Valdecorvos, Tafisa e A Parda.
En concreto, serán 54 vivendas nunha parcela de 3.220 metros cadrados na Rúa Prado Novo, 53 vivendas nun terreo de 1.164 metros cadrados na Rúa Ernestina Otero e 11 vivendas máis en 540 metros cadrados da Rúa das Devesas.
Nestas tres promocións, o goberno galego investirá 22,48 millóns de euros, segundo explicou a conselleira de Vivenda e Planificación das Infraestuturas, María Martínez Allegue, que destacou que "así é como se deben facer as cousas", traballando "sen descanso" para dispor de máis solo público.
Estes novos proxectos inmobiliarios sumaranse ás 132 vivendas xa entregadas e ás 182 que nestes momentos están en construción, o que converte a Pontevedra nun dos municipios cun maior número de promocións en tramitación.
Isto é posible, destacou o titular da Xunta, pola "colaboración" do Concello, ao que agradeceu que entenda que "isto non vai de cores políticas" e que afrontar a problemática da vivenda "é cousa de todas as administracións".
"Faríame especial ilusión que Pontevedra fora a cidade na que sexamos capaces de facer máis vivenda pública entre todas as administracións", sinalou Alfonso Rueda.
Este compromiso coa súa cidade natal, segundo Rueda, é unha mostra "do que se pode facer con axilidade, determinación e vontade de colaboración".
O presidente galego defendeu que, fronte aos que "teorizan moito" co problema da vivenda, a Xunta de Galicia optou por "poñerse a traballar", sobre todo construíndo vivenda "directamente" ou aprobando "estímulos" fiscais para fomentar alugueres máis baratos.
O obxectivo é duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, pasando de 4.000 a 8.000 as vivendas protexidas que se ofertan aos cidadáns, especialmente a mozos, familias traballadoras, maiores e persoas en situación máis vulnerable.
O alcalde de Pontevedra expresou a súa "satisfacción" co resultado que terá este "pulo conxunto", que permite saldar unha "débeda grande" coa xente que necesita acceder a unha vivenda que poidan comprar ou alugar "a prezos razoables".
"Non é de recibo que a xente teña que destinar gran parte dos seus salarios ao aluguer dunha vivenda", sostivo Fernández Lores, polo que avogou por "construír máis" para incrementar a oferta inmobiliaria evitando "que se disparen máis os prezos".
Tras a sinatura para a cesión destas parcelas, Alfonso Rueda realizou a súa primeira visita oficial ao Concello de Pontevedra, que se desenvolveu na casa consistorial e durante a que, entre outros xestos, asinou no libro de honra municipal.
Nel, Rueda expresou que "poucas cousas poderían facerme máis ilusión e deixarme tanta pegada" que asinar no libro de honra da súa cidade, asegurando que espera que todo o seu tempo na vida pública "sirva para facer que Pontevedra mellore".
"Por moitas razóns, esta é a cidade máis bonita do mundo", reflectiu o presidente da Xunta xunto á súa rúbrica neste libro de honra.