O Comité Científico do IV Congreso Internacional de Paisaxe Urbana ICOUL San José 2025, que se celebrará na capital de Costa Rica entre o 8 e o 10 de abril do 2025, tomou a decisión de outorgar ao Concello de Pontevedra o III Premio Internacional "A cidade é a xente".
A decisión comunicouse ao Concello de Pontevedra o luns e o concelleiro César Mosquera deuna a coñecer este martes nunha rolda de prensa.
As anteriores galardoadas con este premio foron a cidade arxentina de Rosario e a brasileira de São Paulo.
A cuarta edición do Congreso ICOUL, tras os celebrados en São Paulo 2015, Barcelona 2017 e Barcelona 2023, reunirá a expertos en xestión urbana de diferentes disciplinas. Trátase dun foro internacional aberto e participativo dedicado á "difusión de estratexias e instrumentos de xestión dos usos da paisaxe urbana para unha boa gobernanza local".
O mércores 9 de abril, no marco da sesión central deste congreso falarase da "Revitalización urbana e paisaxe" coa participación como relator de César Mosquera. A tenente de alcalde, Eva Villaverde, recollerá ao día seguinte o premio durante a cerimonia de clausura.
Na xustificación do premio "A cidade é a xente - Memorial Eusebio Leal Spengler", a comunicación oficial deste foro sinala que "Pontevedra leva anos situada no ámbito internacional como un referente en canto á transformación do seu modelo urbano" en materia de mobilidade, accesibilidade ou seguridade viaria, entre outros aspectos.
Isto alíñaa perfectamente, engaden, cos obxectivos de ICOUL, que "fronte á opción tradicional de crear máis e máis cidade, aposta por transformar a cidade como novo paradigma de desenvolvemento urbano sostible".
Ademais sinalan que Pontevedra se ocupa tamén de aspectos de carácter transversal esenciais para a mellora da calidade de vida urbana como son a cultura, a accesibilidade, a protección do patrimonio, a sustentabilidade, a saúde pública, o uso racional do territorio, o medio ambiente, as novas tecnoloxías, e o branding de cidade. "Aspectos estes que, en maior ou menor medida, e xunto a un decisivo liderado político, caracterizan a transformación do modelo de cidade pontevedrés", destacan.
César Mosquera sinalou que "Iberoamérica era dos poucos sitios onde non tiñamos este tipo de recoñecementos" e valorou este premio como unha oportunidade xa que supón "abrir un novo campo de relacións".
O modelo urbano de Pontevedra atesoura numerosos premios internacionais nunha traxectoria que arrincou no ano 2013 en Bruxelas co recoñecemento Intermodes ao Metrominuto. Ao ano seguinte, en 2014, chegou o Premio de Dubái, outorgado pola ONU-Hábitat polas súas boas prácticas; en 2015 a ONG Center For Active Design rendeu homenaxe a Pontevedra en Nova York polo seu desenvolvemento urbanístico, e ese mesmo ano a Fondation Prospective et Innovation premiou á cidade nun salón de vehículos ecolóxicos celebrado en Hong Kong (China).