O Concello de Pontevedra deu este venres o pistoletazo institucional ao 8M coa colocación da pancarta do Día Internacional da Muller no balcón da Casa Consistorial.
No acto participaron membros da corporación municipal e as alumnas de primeiro de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento, Sara Asdih e Analía Estévez, encargadas de ler o manifesto deste ano.
Durante a súa intervención, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores expresou o seu orgullo de que Pontevedra sexa "un concello feminista non só o 8 de marzo, senón todos os días do ano", e agradeceu a unanimidade de todos os grupos políticos para celebrar esta xornada e apoiar o manifesto.
O rexedor insistiu na mensaxe central de "non dar nin un paso atrás, nin un centímetro para atrás" nos dereitos das mulleres e alertou de que, no momento actual, están a xurdir "posicións negativistas e agresivas".
Para combatelas e que a igualdade siga avanzando, é fundamental "non ceder en absoluto e seguir loitando entre todos", afirmou.
"O 8 DE MARZO NON É UN DÍA PARA FELICITAR"
O manifesto redactado por Sara Asdih e Analía Estévez lembrou que "o 8 de marzo non é un día para felicitar, non é un dia para celebrar o logrado senón para recordar o que costou conseguilo e honrar as mulleres que decidiron alzar a súa voz para intentar conseguir un futuro mellor".
O texto subliña que a igualdade non se mide só nas leis, senón na vida cotiá, e denuncia "a carga invisible dos coidados" que segue recaendo maioritariamente nas mulleres, pondo de exemplo que "se un pai leva ao seu fillo a xogar ao parque, automaticamente é un pai incrible, pola contra, se o fai a nai ninguén se pronuncia xa que se entende que ese é o seu traballo".
Sara e Analían tamén falaron da presión estética, e do feito de que as mulleres "sigamos sendo minoría nos postos de poder e nas direccións de empresas", malia ter "os mellores expedientes académicos".
"As mulleres xa saímos da casa e non queremos volver", recalcan as autoras, que reivindican unha igualdade real "boa para nós, boa para os nosos compañeiros varóns, e é boa para o mundo. Porque sen as mulleres o mundo para".
Para darlle voz ao manifesto, o alcalde anunciou que Sara Asdih e Analía Estévez participarán tamén no próximo pleno da corporación, o día 23, onde lerán o comunicado para falar "diante de toda a sociedade pontevedresa".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.