"Pontevedra é unha gran cidade e toda Europa debería aprender dela"

Pontevedra
06 de febreiro 2013

Este é só un dos eloxios que a presidenta de Intermodes, Natalie LeClerc, dedicou a Pontevedra durante a entrega do premio Intermodes 2013 ao modelo urbano pontevedrés. Un recoñecemento que o alcalde fixo extensivo a todos os cidadáns "porque sen eles aplicar este modelo non houbese sido posible" (GALERÍA DE FOTOS)

Entrega do premio Intermodes 2013 ao modelo urbano de Pontevedra
Entrega do premio Intermodes 2013 ao modelo urbano de Pontevedra / PontevedraViva

"Pontevedra é unha gran cidade e toda Europa debería aprender dela". Este é só un dos eloxios que a presidenta de Intermodes, Natalie LeClerc, dedicou a Pontevedra durante a entrega do premio Intermodes 2013 ao modelo urbano pontevedrés. Foi nun acto celebrado no International Auditorium de Bruxelas. Nel, máis de duascentas persoas chegadas de diferentes rexións europeas coñeceron de primeira man as medidas de accesibilidade e mobilidade aplicadas en Pontevedra.

O principal atractivo de Pontevedra, segundo Natalie LeClerc, é teren recuperado á cidade para os peóns. "A idea de crear unha rede peonil é única en Europa e aínda que non é unha cidade moi grande é unha iniciativa que se pode implementar noutras cidades", dixo a presidenta de Intermodes. Apuntou ademais que, de cara ao ano 2015, Europa apostará por cidades "que non presenten dificultades de mobilidade" e aí, destacou, "Pontevedra xa o ten feito ao ser unha cidade 100 por cento accesible".

A filosofía de Intermodes, recordou a súa presidenta, é preocuparse polo ser humano "e Pontevedra co benestar que proporciona o seu modelo urbano ten moito avanzado neste sentido". De aí que concluira asegurando que "cando vives nunha cidade que está feita para a xente é moito mellor".

Tras recoller o premio, Miguel Fernández Lores, que describiu a Pontevedra como "a capital das Rías Baixas, unha rexión xeográfica paradisíaca situada na fisterra ibérica de Galicia", destacou que o Intermodes é un premio "moi especial, decisivo para refeendar o modelo urbano e de mobilidade de Pontevedra, modelo que foi posible por ter uns obxectivos claros e unha alta implicación dos cidadáns".

Recordou que desde 1999 "percorremos un camiño rápido para devolverlle a cidade aos cidadáns, para converter unha cidade residencial, administrativa e comercial, absolutamente colapsada pola invasión de coches, nun centro de vida social, seguro, cómodo, agradable e con cohesión social".

En relación coa iniciativa premiada, o Metrominuto, Fernández Lores explicou que trátase da plasmación práctica dunha concepción da mobilidade que prioriza o tránsito peonil, unha aposta que o goberno local, dixo, aplicou "consciente e planificadamente" e que supuxo "unha revolución nesta área". Catorce anos despois, recordou, "este camiño ten dado uns froitos extraordinarios".

Lores destacou que, a pesar de teren recibido xa varios premios polo modelo urbano "este é un premio moi diferente"

Pero en todo caso, Miguel Fernández Lores destacou que, a pesar de teren recibido xa varios premios polo modelo urbano "este é un premio moi diferente". Por un lado por ser concedido por unha entidade europea, "o que amosa que a nosa experiencia está traspasando fronteiras", e por outro, porque é un premio concedido directamente á mobilidade e a intermodalidade, "precisamente os aspectos que xeran máis dúbidas e provocan máis resistencias cando se trata de poñer en práctica medidas profundas de potenciación da mobilidade peonil".

De aí que as súas últimas palabras foran de agradecemento aos cidadáns de Pontevedra, sen os que apuntou, "este modelo non houbese sido posible". Segundo o alcalde, entre todos os pontevedreses "imaxinamos unha cidade sen claxons, freazos, fumes, ruidos, onde os sons dominantes son as voces dos nenos e os trinos dos paxaros e hoxe, esa cidade é Pontevedra".

Pontevedra, protagonista absoluto en Intermodes 2013

Pero o protagonismo de Pontevedra neste congreso europeo de mobilidade non se limitou á entrega do premio. O intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, participou nunha mesa redonda, xunto con expertos en mobilidade de París e Amsterdam, para explicar o modelo urbano aplicado en Pontevedra. Nela, fixo fincapé na limitación de velocidade a 30 km/h en toda a cidade e a implantación de medidas físicas "que permitiron devolver os espazos públicos aos peóns".

O stand promocional de Pontevedra situado na entrada de Intermodes foi o máis visitado durante todo o día

Ademais, o stand situado á entrada de Intermodes, no que o Concello proxectou varios videos sobre o seu modelo de calidade urbana e puxo a disposición dos interesados material promocional da cidade, foi o máis visitado durante todo o día.

A maioría dos que se achegaban a el, preguntaban sobre o carácter eminentemente peonil da cidade e como era posible que, unha localidade de máis de 80.000 habitantes, puidese aplicar en tan pouco tempo a maioría das recomendacións que, en materia de mobilidade, accesibilidade e seguridade viaria, fai a Unión Europea. "Pontevedra é un exemplo para todos", chegou a afirmar un representante da rexión de Lorena, na fronteira entre Francia e Alemaña, premiada nunha anterior edición.

Neste sentido, o comité de Intermodes comprometeuse a visitar Pontevedra para ver "in situ" o modelo urbano de Pontevedra. Será no 2014. "Temos que visitar outras cidades como Oslo ou Barcelona e despois iremos a Pontevedra", dixo Natalie LeClerc. Irá acompañada dunha representación de varias comunidades europeas integradas nesta axencia. Aínda que asegurou, tras ser invitada polo alcalde, que gustaríalle acudir á celebración do premio que o Concello fará en próximas datas para compartir este recoñecemento coa cidadanía.