O modelo urbano de Pontevedra chegou ao IX Forum CiViNET España- Portugal que se celebra en Cascais. Fíxoo a través da exposición que protagonizou a tenente de alcalde, Carme da Silva, que compartiu cos asistentes a experiencia pontevedresa en planes de accesibilidade e mobilidade, creando cidades para as persoas.
Xunto a Pontevedra e a cidade anfitrioa, participaron no debate representantes dos concellos de Irún, Alcobendas, Vitoria-Gasteiz, Braga, Viseu e Guimaraes.
Carme da Silva fixo un percorrido polo miúdo da transformación urbana de Pontevedra, un proceso de mellora que, segundo destacou, foi capaz de inverter o paradigma "condicionar a cidade á mellora da mobilidade, ou sexa, subordinar a cidade á mobilidade" polo de "condicionar a mobilidade á mellora da cidade, ou sexa, subordinar a mobilidade á cidade".
A idea base, explicou Da Silva, era e é construír unha cidade para as persoas e recuperar os espazo públicos, devolver a cidade aos cidadáns, sen exclusións.
Gañar a cidade para os cidadáns "é tan valioso que debe ser a grande compensación en si mesma", destacou a tenente de alcalde, que engadiu que as aspiracións de facilitar a velocidade, de "ir rápido" na cidade, anque sexa en autobús ou en bicicleta "non é unha opción válida salvo excepcións en vías moi concretas".
A experiencia amosa, concluíu Da Silva, que "a velocidade e calidade urbana son incompatibles".