Pontevedra inspirará o deseño de máis de mil cidades chinesas que se construirán proximamente

Pontevedra
12 de decembro 2016

Logo de escoitar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o director do China Fortune Land Development Institute, Li Yufeng, concluíu que "temos que ter soños, para facelos realidade"

Fernández Lores no China Fortune Land Development Institute
Fernández Lores no China Fortune Land Development Institute

Pontevedra pode ser o modelo no que se inspiren unhas mil pequenas cidades chinesas que irán nacendo nos vindeiros anos, tal como dixo o director de desenvolvemento urbano do China Fortune Land Development Institute, Li Yufeng.

Ese foi o principal motivo de convidar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a dar unha charla no seu instituto de estudos, unha pequena universidade sobre planificación urbana que depende desta enorme empresa chinesa adicada a desenvolver solo urbano en todo o mundo, pero especialmente dentro deste país.

"O que máis nos gusta é aprender novos conceptos que axuden á xente a ser feliz", dixo Yufeng, que respondeu cun rotundo "si" á pregunta de si cre que será posible ver no futuro algunha cidade china co tráfico de coches domesticado, ou unha cidade sen coches, ao estilo de Pontevedra.

Segundo a información trasladada polo Concello, están completamente decididos a afondar tanto nos aspectos académicos relacionados co deseño e a investigación no relativo á planificación das cidades, como a aplicalos a esta nova xeira de pequenas cidades, para o que xa están en contacto coas autoridades rexionais de numerosos lugares, especialmente de arredor de Pekín, Shanghai, Cantón e a conca do río Yang Tse.

O proceso de construción das novas cidades inclúe a restauración de pequenas entidades de poboación que existen en amplas áreas nas que interveñen. 

Yufeng recoñeceu, durante a conferencia, que hai 12 anos escoitou por primeira vez en Europa os conceptos das cidades sen coches, e tras afondar na procura, coñeceron o caso de Pontevedra a través dunha reportaxe da televisión francesa. A partires de aí puxéronse a investigar e entraron en contacto co Concello a través dun exportador galego de peixe en conserva.

"Temos que ter soños, para poder facelos realidade", foi a principal conclusión do director Li Yufeng tras escoitar a Lores describir polo miúdo o modelo pontevedrés ante un público de técnicos da empresa e directivos urbanísticos de diversos lugares, nun acto que durou case tres horas e que estivo cheo de preguntas tanto sobre o proceso, os coste económico de levalo a cabo, o tráfico de necesidade ou os conflitos que plantexan as bicis aos peóns, ao que Lores respondeu que a principal ameaza é a dos coches sobre as bicis, e non ao revés.

No estrado que este luns ocupou Lores disertará o martes o afamado arquitecto español Rafael Moneo, que inaugura próximamente unha adega na capital chinesa.