Pontevedra lembra que "os conflitos teñen solución na mediación"

Pontevedra
20 de xaneiro 2017

A Casa das Campás, sede da vicerrectoría do Campus de Pontevedra, acolleu un acto organizado polo grupo de Psicoloxía Xurídica e o de innovación docente 'Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade', en colaboración con dirección e alumnado do curso de Especialista de Mediación, no que se conmemorou este Día Internacional da Mediación

Celebracion do Día internacional da Mediación PontevedraViva

Pontevedra celebrou este venres, con 24 horas de adianto, o día mundial da mediación.

Trátase dun proceso flexible, voluntario e confidencial, para a resolución de conflitos e controversias. Na mediación, unha persoa experta neutral e imparcial, axuda a quen ten o conflito de modo colaborativo, a través do diálogo.

Calquera tipo de conflito ou controversia entre dúas ou máis persoas é susceptible de ser mediado. Tanto en asuntos civís e mercantís, como familiar e relacional, ata escolar ou intercultural, mesmo sanitaria.

Entre outros beneficios, a mediación é un procedemento confidencial, máis rápido e económico que a vía xudicial, as persoas mediadas participan e controlan o acordo e o proceso e o resultado son máis satisfactorios o que deriva nun maior cumprimento do acordo.

A Casa das Campás, sede da vicerrectoría do campus de Pontevedra, acolleu un acto organizado polo grupo de psicoloxía xurídica e o de innovación docente 'Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade', en colaboración con dirección e alumnado do curso de especialista de mediación, no que se conmemorou este Día Internacional da Mediación.

Participaron Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra; Juan José Martín, director xeral de Xustiza de Galicia; Xosé Leal, delegado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra; Carmen Fouces, concelleira de Educación, Igualdade e Servizos Sociais de Pontevedra; Mar Felices, xuíza de Familia; Marta Alonso, fiscal de Familia de Pontevedra; e María Luisa Márquez, coordinadora galega das Escolas Unesco

Ao terminar o acto instalouse unha mesa informativa sobre cuestións relativas á mediación na praza da Peregrina.