Xa é totalmente efectiva a decisión do Concello de Pontevedra de paralizar as obras públicas non urxentes en cumprimento do decreto do estado de alarma.
Os técnicos municipais estaban reunidos este luns para decidir que traballos considerábanse esenciais e, finalmente, incluíron nesta relación de obras a paralizar todas aquelas cuxa conclusión non deba ser inmediata, como sería a reparación dun servizo imprescindible.
A concelleira Eva Vilaverde, actuando como portavoz do goberno local, respondeu ás preguntas dos xornalistas sinalando o criterio para seguir por técnicos e políticos, "pararanse as que non son indispensables. Nós estamos ao que digan as autoridades. O primeiro é o primeiro".
Eva Vilaverde enumerou os proxectos afectados, que son a reforma da ponte do Burgo e as súas inmediacións, unha reforma no pavillón dos deportes, as novas oficinas municipais na rúa dos Ferreiros, pavimentacións en Cacheiro (Ponte Sampaio), Martín Raxo e O Rial (ambas en Lourizán), o parque forestal da Tomba, a rehabilitación de accesos a centros sociais e o campo de fútbol de herba sintética de Ponte Sampaio.
Tamén está parado o proxecto intermodal da estación de autobuses no que o concello vai da man da Xunta.