A estación de bombeo de Monte Porreiro, que extrae a auga do río Lérez para enviala á potabilizadora, contará moi pronto con catro novas electrobombas que permitirán optimizar o seu funcionamento e o rendemento de todo o sistema e abastecemento de auga.
Esta actuación, na que se invisten 857.000 euros, supoñerá instalar catro eletrobombas de succión e os cadros eléctricos de cada unha delas, mellorando a seguridade do complexo e apostando por motores de alta eficiencia eléctrica para reducir o consumo enerxético.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que os anteriores equipos xa esgotaran a súa vida útil tras corenta anos de servizo. As novas bombas terán unha capacidade de bombeo de 202 litros por segundo cada unha.
A elas súmanse ás outras dúas que hai na estación, cunha capacidade de bombeo de 510 litros por segundo cada unha, e que xa foran renovadas no marco das obras de ampliación da rede de abastecemento de auga na ría de Pontevedra, executadas por Acuaes.
Deste xeito, e tendo en conta que a capacidade de tratamento da ETAP é de 1.000 litros por segundo, a capacidade de bombeo está garantida -xa que en total se sitúa sobre os 1.800 litros por segundo-, o que permite alternar o uso das electrobombas.
Fernández Lores destacou que esta obra, incluída no contrato da auga, supón unha "mellora substancial" do equipo de bombeo e un "avance importantísimo" que permitirá que Pontevedra teña un sistema "dos mellores que pode haber neste momento".
A auga de Pontevedra, subliñou o rexedor, ten unha "calidade excelente" que quedará garantida de cara aos próximos "corenta ou cincuenta anos" tanto para a cidade como para Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas e, no futuro, unha parte de Vilaboa.
Ademais, apuntou que a renovación e mellora que se está a facer en todo o sistema, "nos coloca en niveis de eficiencia" por riba do que se pide na Axenda 2030, "porque estamos a falar de perdas do 3,5% canto o que se fixa na axenda son perdas que non superen o 20%".
Na súa visita á estación de bombeo, Lores lembrou que dos 58 millóns de euros en actuacións incluídas no contrato asinado con Viaqua xa foi executado "bastante máis do 50%". Ao seu remate, o 100% do rural terá saneamento e "máis do 90%", tamén abastecemento.