Pontevedra seguirá sen delegación da CRTVG ante o "veto" do PP á súa reapertura

Pontevedra
09 de marzo 2018

Un novo "ataque" a Pontevedra por parte do Partido Popular. Así cualifica o deputado do BNG, Luís Bará, o "veto" dos populares no Parlamento galego á reapertura da delegación da CRTVG na cidade

Redacción da Radio Galega en San Marcos CRTVG

Un novo "ataque" a Pontevedra por parte do Partido Popular. Así cualifica o deputado do BNG, Luís Bará, o "veto" dos populares no Parlamento galego á reapertura da delegación da CRTVG na cidade.

Bará cualificou como unha "ofensa" e un "desprezo" do PP a Pontevedra o rexeitamento da formación conservadora á proposta na que o BNG solicitaba que a compañía de radio e televisión pública galega reabrise a súa delegación, "suprimida" no ano 2010.

"Parécenos lamentable que o PP vete a posibilidade de recuperar esa delegación", asegurou o deputado nacionalista, que lembrou que Pontevedra é a única capital de provincia que carece deste servizo. Jacobo Moreira foi un dos populares que votou en contra.

A ausencia da CRTVG en Pontevedra ten "consecuencias negativas" para a cidade, entende o BNG, pola perda de postos de traballo e o "apagamento informativo" que, especialmente en televisión, sofre a actividade política, social, cultural e deportiva de Pontevedra na programación dos medios públicos.

Desde o BNG, engadiu Bará, "lamentamos esta posición" e piden aos populares que rectifiquen e Pontevedra poida recuperar esta delegación.