Pontevedra supera os 200 casos activos por coronavirus, nove deles na UCI

Pontevedra
25 de marzo 2020

A área de Pontevedra, ademais, rexistrou o seu terceiro falecemento por coronavirus desde que comezou esta crise sanitaria. Trátase dun home de 74 anos, que estaba ingresado en Montecelo, e que como as vítimas anteriores tiña patoloxías previas

Hospital Montecelo PontevedraViva

Máis de douscentos pacientes, en concreto 202, son os casos que están activos por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo os datos que desvelou este mércores a Consellería de Sanidade. Son 23 máis que o día anterior.

De todos eles, segundo Sanidade, 51 están hospitalizados en planta, 44 en Montecelo e sete no hospital do Salnés, e nove permanecen na UCI. O resto, 142 persoas, están nos seus respectivos domicilios.

A área de Pontevedra, ademais, rexistrou o seu terceiro falecemento por coronavirus desde que comezou esta crise sanitaria. Trátase dun home de 74 anos, que estaba ingresado en Montecelo, e que como as vítimas anteriores tiña patoloxías previas.

Polo momento mantense sen cambios o número de pacientes, neste caso dous, que recibiron o alta por padecer o coronavirus.

En toda Galicia, engaden desde Sanidade, hai 1.598 casos activos por coronavirus e as áreas de Vigo (396), A Coruña (389) e Santiago (288) seguen sendo as máis afectadas. Tras os 202 casos de Pontevedra sitúanse Ourense (186), Lugo (99) e Ferrol (38).

Do total de positivos, 69 permanecen na UCI, 409 están en diferentes unidades de hospitalización e 1.120 nos seus domicilios. Por agora, en Galicia rexistráronse 25 altas de pacientes e 30 falecementos. Ademais do de Pontevedra, morreron dous homes de 82 anos que estaban ingresados no hospital da Coruña.

Sanidade comunica ademais que, ata o momento, realizáronse en Galicia case 8.000 probas para detectar o coronavirus, en concreto 7.936.

A Xunta lembra aos galegos que só usen o teléfono 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas ou consultas sobre o coronavirus. Ademais, está ao dispor da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.