Por Pontevedra só circulan 52 coches eléctricos

Pontevedra
10 de outubro 2021

Pontevedra é un municipio no que o vehículo eléctrico aínda non entrou con forza. Un informe de agosto do 2021 da DXT revela que só o 0,11% dos turismos matriculados en Pontevedra funcionan sen combustibles fósiles

Cargador de coches eléctricos nun aparcamento de Pontevedra
Cargador de coches eléctricos nun aparcamento de Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra é un municipio no que o vehículo eléctrico aínda non entrou con forza. Nos concesionarios recoñecen que a inmensa maioría de vendas correspóndense con vehículos que empregan combustibles fósiles como carburantes e un recente informe da DXT avala esta tese.

O balance de vehículos matriculados na capital a agosto do 2021 desvela que só 52 turismos de tipo eléctrico circulan polas rúas da Boa Vila. Unha cifra que aumenta ata os 99 se se teñen en conta outro tipo de vehículos. 

Ademais dos 52 turismos, están matriculados en Pontevedra 17 furgonetas, 15 motocicletas, 11 ciclomotores, un camión de menos de 3,5 toneladas e tres vehículos doutros tipos.

En comparación co resto de coches que circulan a diario polas estradas pontevedresas, a porcentaxe que corresponde aos coches eléctricos queda nun escaso 0,11%.

Na cidade do Lérez están matriculados 43.477 turismos, dos que máis da metade (26.331) usan carburante tipo diésel, mentres que 17.026 funcionan con gasolina. Con todo, existen 62 que empregan gas licuado de petróleo, 4 fano con gas natural comprimido e un con gas natural licuado.

Nos concesionarios recoñecen ter dificultades para dar saída a este tipo de vehículos. "En Galicia non temos problemas de mobilidade, nin de contaminación. Tampouco temos normas que restrinxan o uso de vehículos de combustión", enumeran no concesionario Opel de Aelsa as razóns pola que os condutores seguen inclinándose por vehículos menos respectuosos co medio ambiente.

As dificultades para atopar lugares nos que recargar os coches eléctricos é outro motivo que desanima aos compradores, sobre todo pola ausencia de prazas con cargadores nos garaxes das comunidades de veciños.