O festival PortAmérica, que se celebrará do 9 ao 11 de xullo na Azucreira de Portas, confirmou a estrutura da súa sección gastronómica para a edición de 2026.
O espazo denominado ShowRocking, baixo o comisariado do chef Pepe Solla, integra este ano a 20 profesionais da cociña que reúnen, ata a data, un total de 18 estrelas Michelin, tres estrelas Verdes e dous recoñecementos Bib Gourmand.
A organización expuxo este apartado non como un servizo complementario, senón como un eixo central do evento onde a elaboración de pratos se realiza de forma simultánea ás actuacións musicais.
O cartel culinario, que aínda mantén nomes por confirmar, sumou recentemente perfís de traxectoria internacional que reforzan a diversidade técnica e territorial da proposta.
Entre as novidades desta edición destaca a participación de Eduard Xatruch, do restaurante Gozar (Barcelona), que conta con tres estrelas Michelin, e de Andoni Luís Aduriz, responsable de Mugaritz (Gipuzkoa), con dúas estrelas Michelin.
A eles únese Ricard Camarena, cuxo establecemento homónimo en Valencia achega dúas estrelas Michelin e unha estrela Verde, e Dani Carnero, do restaurante Kaleja en Málaga, cunha estrela Michelin.
A representación doutras comunidades autónomas complétase con Francis Paniego (O Portal de Echaurren, A Rioxa), Iván Cerdeño (Cigarral del Ángel, Toledo) e Antonio Arrabal (La Jamada, Burgos), quen acode en colaboración coa marca de alimentación Better Balance.
No ámbito internacional, o ShowRocking incorpora o mexicano Fabián Delgado (Palreal), ao pasteleiro portorriqueño Antonio Bachour (Bachour) e á chef italiana Viviana Varese (Passalaqua), diversificando as técnicas e procedencias xeográficas presentes nos fogóns de Portas.
Galicia mantén, en todo caso, unha posición central na configuración do programa. Para este ano, o festival confirmou a presenza de Alberto Lareo (Maina, Santiago de Compostela); Héctor López (Restaurante España, Lugo); Iván Domínguez (NaDo, A Coruña); Óscar Vidal (Asador O'Pazo, Padrón); e Yayo Daporta (Restaurante Yayo Daporta, Cambados).
Estes nomes engádense a outros profesionais xa presentes na listaxe, como Maca de Castro, Paco Roncero ou o equipo de Árbore da Veira, establecendo un equipo que abarca desde a cociña de produto ata a experimentación contemporánea.
A oferta gastronómica, cuxo listaxe de chefs aínda continúa aberta a novas sorpresas, coexistirá cunha programación musical que abarca diversos xéneros..
O escenario da Azucreira contará coas actuaciones musicais de Dani Martín, Hombres G, Amaia, Rigoberta Bandini, M-Clan, Xoel López e Eliades Ochoa, entre outros.
As entradas e abonos para o PortAmérica están á venda neste enlace.