Portonovo, de loito rigoroso para enterrar a súa sardiña

Sanxenxo
23 de febreiro 2023

Ata Portonovo desprazouse este mércores o Entroido de Sanxenxo. Fíxoo para despedir, con todas as honras que se merece, ao seu personaxe máis simbólico: a sardiña. Centos de persoas non quixeron perderse o seu tradicional Enterro da Sardiña, que converteu as principais rúas da vila nun auténtico velorio ao aire libre

Enterro da Sardiña en Portonovo Concello de Sanxenxo

Ata Portonovo desprazouse este mércores o Entroido de Sanxenxo. Fíxoo para despedir, con todas as honras que se merece, ao seu personaxe máis simbólico: a sardiña.

Centos de persoas non quixeron perderse o seu tradicional Enterro da Sardiña, que converteu as principais rúas da vila nun auténtico velorio ao aire libre.

Vestidos de rigoroso negro e mostrando o seu pesar pola perda de tan entrañable peixe, os membros da comitiva reuníronse sobre as sete da tarde na Rúa Areal, desde onde acompañaron á defunta ata o recinto portuario de Portonovo.

Alí, como marca o costume, déronlle o último adeus e queimaron o seu corpo, despedíndoa ata o próximo Entroido no que regresará con forzas renovadas.

Ao remate do enterro houbo ademais unha chocolatada para todos os asistentes.

Co Enterro da Sardiña, que organiza a comisión de festas San Cristóbal de Portonovo co apoio do Concello de Sanxenxo, non terminan as festas na parroquia. Este sábado será a Festa do Jato, unha iniciativa da asociación Rúa dos Viños.