Portos de Galicia presenta un proxecto para Raxó que non inclúe todo o ámbito que demanda o Concello

Poio
09 de febreiro 2022

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentaron este mércores ao Concello de Poio, á Confraría e ás entidades locais o proxecto de adecuación da superficie de acceso ao porto de Raxó cun investimento de 18.000 euros e cuxa execución está vencellada ao acordo co Goberno local

Detalle do proxecto de adecuación da superficie de acceso ao porto de Raxó
Detalle do proxecto de adecuación da superficie de acceso ao porto de Raxó

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentaron este mércores ao Concello de Poio, á Confraría e ás entidades locais o proxecto de adecuación da superficie de acceso ao porto de Raxó cun investimento de 18.000 euros e cuxa execución está vencellada ao acordo co Goberno local.

O obxectivo último deste proxecto, orzamentado en 630.000 euros, pasa por reordenar a circulación peonil e rodada na vía de acceso ao porto de Raxó e redistribuír os espazos. A proposta, tal e como sinalou Lenguas, pretende humanizar a vía con criterios máis amables para os peóns e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos, "tal como comprometera o ente público nas súas diversas reunións cos representantes municipais de Poio".

O espazo viario distribuirase a través da construción dunha nova plataforma única de circulación con prioridade peonil. Ademais, renovarase a capa de rodadura na baixada ao porto, no tramo inicial da vía actual. O proxecto inclúe tamén a colocación dun banco lineal de 93 metros de lonxitude, ademais de varandas e papeleiras. Así mesmo, recolle a mellora da eficiencia e estética da rede de alumeado, así como a rede de abastecemento, pluviais e fecais e reforzarase a sinalización.

RESPOSTA DO CONCELLO

Unha vez coñecido o proxecto, o Concello de Poio esixe que Portos de Galicia actúe "en todo o ámbito recollido no convenio de 2009", que contemplaba a mellora integral do tramo que vai desde o propio peirao ata o enlace coa PO-308. 

Os dirixentes municipais fan fincapé en que "non podemos aceptar sen máis que nestas obras non se contemple a execución das beirarrúas do vial que une a PO-308 co recinto portuario, que é algo que xa se recollía no convenio asinado hai máis dunha década".

Con respecto ao financiamento, desde o Goberno municipal lembran que en 2009 Portos de Galicia comprometérase a asumir o 100% destes orzamentos e, sen embargo, agora insta ao Concello a custear o 30% do financiamento. Sobre este particular, os dirixentes poienses critican este cambio e deixan claro que "o Concello pode estar disposto a asumir unha parte razoable, que en ningún caso se achega  a ese 30%". De feito, non hai que esquecer que será a propia Administración local quen rehabilite o tramo correspondente á rúa Ramón Encinas, que vai desde o peirao ata o linde con Sanxenxo. 

"Este é un proxecto que se tramitou de xeito directo desde a Administración municipal e no que os fondos propios destinados ascenden ao 20%. Polo tanto, non é de recibo que Portos nos esixa unha porcentaxe aínda máis alta para acometer unha actuación que ten lugar nun espazo da súa titularidade", sinala o Goberno local.

O Concello de Poio insiste na necesidade de que as obras se desenvolvan en todo o ámbito, toda vez que "está en xogo o futuro de dous espazos dunha importancia capital para as parroquias de Raxó e de Samieira, ao seren zonas de relevancia a nivel marítimo, de mobilidade e turístico".