O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou este xoves declaración de innecesariedade de terreos portuarios que non rexistran actividade portuaria en oito municipios.
Esta declaración establece as bases para a súa reversión á Administración Xeral do Estado.
Deste xeito, estes terreos poderán ser transferidos aos concellos interesados en asumir a titularidade deste solo de uso público veciñal.
Esta declaración de innecesariedade afecta a terreos dos municipios de Bueu, Cambados e Vilanova de Arousa e tamén nos de Foz, Ponteceso, A Pobra do Caramiñal, Cangas e A Guarda.
Para delimitar o solo susceptible de reverter no Estado, Portos de Galicia celebrou reunións con todos os alcaldes dos concellos afectados a fin de acordar a proposta en base a criterios estritamente técnicos que foron ademais consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Con esta declaración de innecesariedade Portos de Galicia remata os trámites da súa competencia dentro do procedemento de reversión dos terreos incluídos na primeira fase.
Nesta fase se inclúe, ademais dos declarados hoxe innecesarios, o porto de Santa Cruz, en Oleiros, na súa totalidade, que xa cumprimentara este trámite con anterioridade.
A proposta conxunta de reversión de terreos nos nove portos trasladarase agora á Consellería de Facenda, que, tras a súa análise patrimonial, a elevará ao Consello da Xunta.
Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Goberno central para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.