Dolores Candal recoñece está desesperada. Xa non sabe a quen recurrir para que alguén resolva a incerteza que vive no interior da súa propiedade en Barro
Desde o pasado 2 de febreiro, día no que un temporal causou diferentes danos, un poste de Telefónica situado no recinto da vivenda de Dolores Candal ameaza con caer, poñendo en risco a integridade da casa, a súa fachada e mesmo a seguridade de todas as persoas que circulen pola estrada EP-0506, que conecta Curro coa estación da Portela.
A propietaria leva máis de quince días loitando sen éxito para que a compañía e as administracións actúen ante un perigo que se agrava cando sopra o vento.
O poste, que quedou parcialmente arrancado durante o temporal, xa afectou o tellado da vivenda e inclínase cada vez máis cara á estrada. "O noso tellado está roto, aínda que o apañamos provisionalmente. Pero o maior problema é o poste, que ao caer pode arrastrar o tendido eléctrico e reventar a fachada", explica Dolores.
As vibracións causadas polos camións de gran tonelaxe que circulan pola estrada provocan que cada día o poste apareza máis inclinado.

A vivenda alberga tres persoas maiores: a sogra de Dolores, de 94 anos, a súa tía, de 87, e o seu marido, Pepe Magariños, un home trasplantado que require un ambiente tranquilo para a súa recuperación.
"Estamos todos nerviosísimos. O poste pode caer en calquera momento, e se cae, non só afectará á casa, senón que invadirá o carril da estrada", sinala a vítima desta situación..
A propietaria relata os seus esforzos infrutuosos por contactar con Telefónica. Só puido ser atendida por asistentes virtuais e sen obter solución ningunha.
A falta de atención de Telefónica, provocou que presentase unha denuncia no cuartel da Garda Civil de Caldas de Reis. Contactou tamén coa Deputación de Pontevedra, titular da estrada, e co Concello de Barro sen obter resposta: "Non lle vin a cara a ninguén", explica a PontevedraViva.
Desde a empresa telefónica piden os seus datos persoais por WhatsApp, "pero a Garda Civil advertiume de que non os facilitase", indica sinalando que "é a pescada que morde a cola", argumenta, ao insistir as autoridades en que non se deben facilitar datos por redes sociais ou por teléfono e, pola contra, estes servizos non ofrecen outra fórmula para solucionar o problema.

Ante esta situación decidiu compartir a súa situación en Facebook, onde recibiu a solidariedade dos veciños, pero segue igual: "parece que nada se arranxa ata que ocorre algo grave, que caia e invada o carril", co perigo que pode ter para condutores e viandantes.
Dolores bautizou o poste como "o okupa", xa que, segundo ela, "eu deixei que estivera aquí de boa fe pero aquí non o volven deixar, iso de ningunha maneira, por riba do meu cadáver".
Tamén estableceu un espantallo chamado "Peter" na beirarrúa simulando unha persona dunha oficina virtual de Movistar: "Porque como non me escoitan por vía teléfono, nin por vía imaxe, ni por nada, pois a ver se con este boneco consigo algo", explica.
"Isto é inhumano", conclúe Dolores, quen asegura que está disposta a cortar o tráfico na estrada: "Eu unha vez que arranco a andar non hai que me pare, me dan igual as consecuencias. O que si sei segura é que vou defender a miña causa. Primeiro a miña casa, a miña familia e o meu tellado. Se teño que facer un corte na estrada, fago un corte na estrada".

