O PP asegura que Pablo Iglesias "no merece una calle en Pontevedra, para nada"

Pontevedra
19 de xaneiro 2026
Actualizado: 20:35

O pleno tratou unha moción para recuperar o nome de Pablo Iglesias Posse no rueiro municipal. O PP opúxose á proposta, o que xerou críticas do PSOE polo seu "sectarismo"

Pleno do Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra celebrou este luns 18 de xaneiro o pleno ordinario no que a corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario ocorrido este domingo no concello de Adamuz (Córdoba).

O primeiro asunto, seguindo a orde do día, foi a ratificación por unanimidade a proposta do xurado de concesión dos premios Cidade de Pontevedra 2025 a Fernando Pintos, como persoa física, expresidente dos comuneiros de Salcedo, e, como persoa xurídica, a entidade gañadora é Polo Correo do Vento.

Como é habitual, estes galardóns honoríficos do Concello de Pontevedra entregaranse o 20 de xaneiro nun pleno extraordinario que volverá a celebrarse na casa consistorial.

Eso será mañá martes, en canto á sesión plenaria de hoxe foi aprobado de maneira definitiva e por unanimidade o proxecto de modificación puntual do PEPRICA para a recuperación da antiga casa reitoral de San Bartolomeu, sita na rúa de Don Filiberto nº 5, no que atinxe á modificación da ficha correspondente á Horta do Cura.

Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, esta modificación identifica claramente a superficie da vivenda para recuperar sen tocar o resto do polígono da Horta do Cura. Este paso permitirá recuperar o espazo que desde 2021 permanecía bloqueado.

O edificio rehabilitarase para uso residencial, tras descartarse o proxecto inicial de apertura dun establecemento de hostalería. O edificio atópase en desuso e as súas  escaleiras de acceso atópanse en estado de abandono.

Pleno do Concello de Pontevedra   PontevedraViva

Cos votos a favor dos populares e o apoio dos concelleiros socialistas saíu adiante a proposta do grupo municipal do Partido Popular para iniciar os trámites dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que substitúa ao vixente desde 1989, ao consideralo obsoleto e xerador de inseguridade xurídica.

Segundo a edil Pepa Pardo, o actual PXOM frea investimentos e non responde as necesidades urbanísticas, sociais e económicas da cidade actual.

A concelleira do PP defendeu que un novo plan permitiría atraer investimentos, ampliar o solo urbanizable, desbloquear áreas estancadas e dar seguridade xurídica, ademais de atender ao desenvolvemento do rural e facilitar a construción de vivendas unifamiliares. A moción tamén propón reforzar a área municipal de Urbanismo, mellorar a transparencia, colaborar con colexios profesionais e axilizar licenzas.

O goberno local de Pontevedra, a través do concelleiro do BNG Cesáreo Mosquera, expresou as súas reservas ante a aprobación dun novo PXOM ao considerar que xeraría máis problemas que beneficios.

Advertiu o concelleiro de que, coa normativa autonómica actual, a edificabilidade podería reducirse ata un 50%, limitando o crecemento do municipio, como ocorreu en Vigo, onde o número de vivendas previstas reduciuse drasticamente.

Mosquera alertou ademais da inseguridade xurídica que provocaría un novo plan, citando os numerosos contenciosos en Vigo tras a aplicación da Lei do Solo de 2016.

Defendeu o edil nacionalista que un novo PXOM "encolle" o desenvolvemento en lugar de impulsalo, e sostivo que o plan vixente pode manterse indefinidamente. Tamén avisou de que a actualización implicaría unha suspensión temporal de licenzas durante polo menos dous anos, restrinxiría o solo edificable e encarecería a vivenda. 

Pleno do Concello de Pontevedra   PontevedraViva

O pleno tamen abordou unha moción defendida polo grupo municipal do PSdeG-PSOE en relación á restauración do nome de Pablo Iglesias Posse no rueiro municipal con motivo do 175 aniversario do seu nacemento e o centenario do seu falecemento.

No debate o portavoz do PP, Rafa Domínguez asegurou que "Pablo Iglesias no merece una calle en Pontevedra, para nada" o que lle valeu as críticas co voceiro socialista Iván Puentes que lamentou o "sectarismo do PP". A moción foi aprobada cos votos do PSOE e o BNG mentras que os populares votaron en contra.

Pleno do Concello de Pontevedra   PontevedraViva

Xerou tamén un bronco debate outra proposta política do grupo municipal do Partido Popular relativa á reanudación das obras de competencia estatal paralizadas na cidade. A pesar do ton todos os grupos remataron votando a favor da iniciativa.

O portavoz popular, Rafa Domínguez, acusou o Goberno central que preside Pedro Sánchez de marxinar á cidade e criticou o "silencio cómplice" do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Denunciou a paralización ou abandono de proxectos como o paseo peonil a Marín, a reforma do nó de bombeiros e a rehabilitación do antigo edificio de Facenda na Ferrería, anunciada como Arquivo Histórico Provincial.

Domínguez sostivo que estes casos evidencian o esquecemento do Goberno central cara a Pontevedra, ao que sumou o bloqueo da gratuidade da peaxe e a falta de novos proxectos desde a chegada de Sánchez ao poder. O PP levará esta denuncia tamén ao Senado a través de Pepa Pardo.

Pleno do Concello de Pontevedra   PontevedraViva

O PSOE tamén conseguiu o apoio de BNG e PP na súa iniciativa para que o Concello inste á Xunta a colaborar coa Universidade de Vigo para crear e implantar no campus de Pontevedra un grao universitario en Lingua de Signos Española e Galega.

A iniciativa responde a unha demanda histórica de asociacións que traballan con persoas xordas, que denuncian a falta de formación adecuada en Galicia desde que desapareceu en 2014 a titulación existente.

O concelleira socialista, Carmen Hermo, defendeu que Pontevedra é o lugar idóneo para acoller este grao e criticou ademais que a normativa estatal só recoñeza oficialmente a lingua de signos española e a catalá, obviando a realidade e traxectoria histórica da LSG en Galicia.

Pleno do Concello de Pontevedra   PontevedraViva

Por último, a corporación municipal aprobou por unanimidade outra proposición do grupo municipal do Partido Popular relativa á promoción do emprego en Pontevedra que inclúa medidas como un plan de bonificacións de empresas para que se instalen no municipio ou a creación dunha líña de axudas diretas para autónomos e pemes. 

Pleno do Concello de Pontevedra    PontevedraViva